Rueda anuncia un plan de 45 M€ e 37 medidas para mellorar o benestar, a xestión das incapacidades temporais e impulsar o retorno saudable ao traballo

Salienta que “Galicia vai ser pioneira en España” ao poñer en marcha un plan destas características que incide “na prevención, na axilización de trámites no eido sanitario e na corresponsabilidade de traballadores e empresas”

O Plan foi acordado no Diálogo Social e inclúe entre os seus piares o establecemento dunha cultura do benestar máis aló dos mínimos que exixe a lexislación vixente

O conselleiro de Emprego salienta que implicará “máis medios, máis coordinación e máis acompañamento para que o sistema funcione mellor”

Vaise reforzar o labor do Issga, con especial atención aos trastornos musculoesqueléticos e á saúde mental

Ademais, a Xunta será pioneira no impulso dun mecanismo de acompañamento á reincorporación tras unha baixa para facilitar unha volta saudable e evitar recaídas

Rueda resalta que pemes, microempresas e autónomos contarán “con axudas para contratar substitutos” e con apoios para investir en equipamento ergonómico ou facilitar atención psicolóxica e musculoesquelética ao seu persoal

O plan tamén inclúe un anexo de peticións ao Estado, como un plan de choque para as incapacidades de máis de 365 días —competencia exclusiva súa—, o reforzo de persoal e melloras no intercambio de información entre os axentes implicados

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Plan Integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, unha folla de ruta “pioneira en España”, froito do acordo acadado no marco do Diálogo Social entre o Goberno galego, o sindicato UGT-Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia. “Implicará un investimento de 45 millóns de euros para poñer en marcha case 40 medidas”, resaltou.

Deste xeito Galicia dá un paso adiante ao ser a primeira comunidade en contar cun instrumento destas características e sitúase á vangarda na prevención e no benestar laboral ao tempo que avanza cara a un modelo máis áxil, coordinado e eficiente na xestión das incapacidades temporais, unha realidade cun notable impacto na produtividade e no conxunto da economía galega.

O presidente lembrou o dereito dos traballadores a estar de baixa ata a súa recuperación, pero recoñeceu que é preciso atallar unha situación “que ten causas, consecuencias e que lastra a calidade laboral de moitos centros de traballo”. Nesta liña, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, incidiu en que “Galicia ocupa a segunda posición de España en ausencias ao traballo, o que ten un custe de 2.000 millóns de euros ao ano”.

Rueda lembrou que o novo Plan ten como eixos fundamentais “a prevención, a axilización dos trámites no eido sanitario e a corresponsabilidade de traballadores e empresas”. “Vai supoñer máis medios, máis coordinación e máis acompañamento para que o sistema funcione mellor”, engadiu o conselleiro.

O Plan aposta pola prevención, a mellora dos procedementos administrativos e a coordinación entre todos os axentes implicados como pancas para reducir as ausencias ao traballo evitables —debidas a causas corrixibles— respectando sempre tanto aos dereitos das persoas traballadoras como o criterio clínico dos profesionais da saúde. En concreto, o Plan desprega un paquete de 37 medidas concretas en materia de prevención, benestar laboral, atención sanitaria e reincorporación saudable, cunha aposta decidida por avanzar, sempre máis aló dos mínimos que establece a lexislación vixente, na mellora das condicións e do clima laboral, no reforzo da capacidade do sistema público de saúde e na coordinación.

Unha parte central do Plan actúa sobre as causas evitables das ausencias nas que é posible intervir para previr e reducir o número de baixas: as condicións de traballo, a organización, a prevención e o benestar físico e mental. Neste marco, inclúe, tal e como anunciou o conselleiro de Emprego, “a aprobación da Estratexia de Benestar Laboral de Galicia” —actualmente en proceso participativo— e reforza o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) como organismo técnico de referencia, intensificando a prevención, especialmente nos trastornos musculoesqueléticos e nos riscos psicosociais, sen menoscabo das actuacións fronte á sinistralidade, as enfermidades profesionais ou os riscos asociados aos cambios tecnolóxico e climático.

Apoios a pemes, microempresas e autónomos

O Plan adapta tamén as súas medidas á realidade do tecido produtivo galego, con especial atención ás pemes, microempresas e persoas autónomas. Así, habilitaranse axudas para investimentos en equipamento ergonómico —sempre tras unha avaliación previa que xustifique a necesidade— e poñerase en marcha o programa Coida Peme, que —sen substituír en ningún caso as obrigas legais das empresas en materia de prevención— facilitará servizos de atención psicolóxica e musculoesquelética de xeito permanente para todo o persoal, con acceso voluntario e plenamente confidencial. Tamén “haberá axudas para que microempresas e autónomos contraten substitutos” durante incapacidades temporais de longa duración, co fin de manter a actividade e facilitar a reincorporación, e financiaranse ferramentas, equipamentos e adaptacións para facer viable a volta ao posto de traballo, indo máis aló das obrigas legais vixentes.

Outra das principais novidades será converter Galicia na primeira comunidade autónoma en impulsar un mecanismo piloto de acompañamento á reincorporación tras unha baixa, orientado a facilitar unha volta saudable e evitar recaídas. Para iso, crearase a figura do coordinador ou coordinadora de reincorporación, que acompañará voluntariamente a persoa traballadora e facilitará a coordinación coa empresa e o servizo de prevención, sen acceder á historia clínica nin interferir nas decisións dos profesionais sanitarios. Finalmente, crearase a Fiestra Única Galega de Saúde Laboral e Apoio á Reincorporación Saudable, un servizo público gratuíto que ofrecerá diagnóstico preventivo, asesoramento, orientación, tramitación acompañada das axudas, formación e apoio específico nos procesos de reincorporación.

Xa no ámbito da corresponsabilidade e do uso responsable do sistema de protección, o Plan prevé o envío dunha carta —de carácter divulgativo— de dereitos e deberes durante a incapacidade temporal que establece un compromiso bidireccional, tanto do que pode esperar a persoa — dereitos, prazos, citas, apoios, confidencialidade e reincorporación— como dos seus deberes. Paralelamente, prevé un protocolo específico fronte a posibles abusos da incapacidade temporal, sempre baseado en indicios obxectivos e valoración individualizada, con garantías para evitar a estigmatización das persoas en situación de baixa e actuando tamén fronte a posibles prácticas empresariais contrarias á normativa.

A coordinación e avaliación de todo o Plan apoiaranse en tres instrumentos: a Mesa galega permanente de coordinación operativa, o Observatorio galego de benestar laboral e incapacidade temporal e unha Comisión de seguimento tripartita —con Xunta, UGT-Galicia e CEG—, encargada de velar polo cumprimento dos seus indicadores.

Medidas no ámbito sanitario

Estas actuacións compleméntanse con medidas no eido sanitario, “para reforzar e mellorar a atención aos pacientes de baixa”, indicou Rueda.. Cómpre lembrar que a Consellería de Sanidade puxo en marcha, en agosto de 2024, un Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal, con diversas medidas en beneficio dos pacientes e dos profesionais médicos.

Este plan ten como finalidade apoiar aos profesionais que xestionan e controlan os procesos de incapacidade temporal, principalmente os médicos de primaria e o persoal inspector, e, ademais, acadar unha pronta recuperación das persoas traballadoras.

No marco deste plan, estanse a desenvolver distintas medidas que se foron implementando progresivamente. Unha delas é a emisión de partes de baixa por parte dos servizos de admisión dos hospitais, para o caso dos pacientes ingresados e cunha cirurxía programada. Coa finalidade de apoiar aos profesionais da inspección médica no seu labor, a Consellería de Sanidade tamén reforzou recentemente a inspección médica do sistema de saúde de Galicia, incorporando 18 novos profesionais.

Está previsto que, neste ano, a Consellería de Sanidade conte con unidades especializadas de consulta para os procesos de maior incidencia, en particular, no referente a patoloxías músculo-esqueléticas e psiquiatría menor; tamén se prevé a incorporación da historia laboral á historia clínica para optimizar diagnósticos e tratamentos; ou medidas para reducir a carga de traballo dos sanitarios e evitar desprazamentos innecesarios aos pacientes.

Estas actuacións buscan contribuír a reducir cargas administrativas e axilizar os procesos asistenciais, sempre baixo o criterio clínico dos profesionais sanitarios e no marco tanto da Reforma da Atención Primaria —que se aprobará proximamente— como das medidas incluídas no Plan estratéxico de Saúde Mental 2026-2030, xa aprobado.

Trátase dunha serie de medidas, que se seguirán potenciando, encamiñadas a mellorar a xestión e control da incapacidade temporal, respectando, sempre, e como non podía ser doutro xeito, o feito de que a indicación da incapacidade temporal e a súa alta son decisións clínicas que deben estar soportadas en criterios clínicos e nas necesidades asistenciais dos pacientes.

Reclamacións ao Goberno central

Ademais, como a xestión da incapacidade temporal implica a diferentes administracións e ámbitos competenciais, o Plan incorpora un anexo coas principais reivindicacións á Administración Xeral do Estado acordadas no Diálogo Social para mellorar a xestión da incapacidade temporal. Entre outras, tal e como explicou o conselleiro, reclámase “reforzar o persoal médico inspector do INSS” e poñer en marcha “un plan de choque” para reducir a pendencia dos procesos que superan os 365 días —de competencia exclusiva estatal e “que son os que máis repercusión teñen en Galicia”—, así como anticipar a súa valoración antes de alcanzar ese prazo e revisar a normativa para evitar prolongacións innecesarias. Tamén pide a creación dun sistema estatal de información integrado e interoperable, que permita compartir de maneira áxil e segura o intercambio de información entre as administracións e axentes implicados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2026