Medio Rural destaca o vínculo entre territorio, calidade e orixe na Ribeira Sacra
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou na presentación do Tren Turístico de época Galaico Expreso Ribeira Sacra
Salientou o papel dos produtos de calidade diferenciada para xerar valor e actividade económica vinculada ao rural
Monforte de Lemos (Lugo), 28 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería de Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na presentación do Tren Turístico de Época Galaico Expreso Ribeira Sacra, unha iniciativa destinada a promocionar o turismo ferroviario histórico e sostible e a poñer en valor o territorio.
O percorrido, desde Ourense ata Ribas de Sil, permitiu achegarse á paisaxe e ao patrimonio dunha zona na que territorio e actividade agroalimentaria están estreitamente ligados.
Neste senso, Alemparte destacou que os produtos de calidade diferenciada son tamén unha forma de identificar e poñer en valor un territorio, ao vincular calidade, orixe e saber facer. Salientou ademais a súa capacidade para xerar valor engadido e contribuír ao mantemento da actividade económica no rural.
Como exemplo desta relación, puxo en valor a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cunha viticultura profundamente ligada á paisaxe e á identidade deste territorio, e reafirmou o compromiso da Xunta co impulso das producións agroalimentarias galegas vinculadas á súa orixe.
Cómpre lembrar que desde a Xunta tamén se potencian os produtos agroalimentarios de calidade diferenciada e que se vén de lanzar a marca Aquí Sabemos, a nova identidade para dalos coñecer de forma conxunta.