A Xunta destaca a aposta pola calidade e a orixe galega na produción de aceite de oliva

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na xornada técnica Colleita Propia, organizada por Aceites Abril

A Consellería do Medio Rural traballa na identificación e caracterización das variedades Brava, Mansa, Folgueira e Brétema, así como na produción de planta certificada para avanzar cara a unha produción diferenciada e vinculada ao territorio

Cenlle (Ourense), 28 de setembro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na xornada técnica Colleita Propia, organizada por Aceites Abril en Cenlle, onde destacou a aposta pola calidade e a orixe galega na produción de aceite de oliva.

Durante o encontro, Alemparte puxo en valor a aposta de Aceites Abril por elaborar aceite de oliva virxe extra con olivas colleitadas en Galicia e a súa colaboración con produtores galegos. A empresa conta coa liña Colleita Propia, elaborada exclusivamente a partir de olivas procedentes da comunidade.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural está a traballar actualmente con catro variedades autóctonas -Brava, Mansa, Folgueira e Brétema- para a súa identificación, caracterización e conservación, co obxectivo de coñecer con rigor o material vexetal existente en Galicia e poñelo ao servizo do desenvolvemento do sector.

Este traballo ten tamén unha vertente directamente produtiva. Na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, dependente da Consellería, avánzase na selección e análise sanitaria destas catro variedades co obxectivo de producir planta certificada que poida ser posta a disposición dos produtores, ofrecendo garantías sobre a súa identidade varietal e o seu estado sanitario.

A calidade comeza na oliveira

A xornada permitiu tamén incidir na importancia da calidade da materia prima. O estado sanitario da oliva, o seu punto de maduración e o tempo transcorrido entre a colleita e a moenda son factores determinantes para obter aceites de maior calidade, cuestións que centraron parte do programa técnico do encontro.

Neste contexto, Alemparte incidiu na importancia de que o desenvolvemento da olivicultura galega se produza sobre bases sólidas, cunha produción profesionalizada, diferenciada e cada vez máis identificada coa súa orixe, xerando así maior valor engadido para os produtores e para o territorio.

Data de actualización: 28/09/2026