A Xunta finaliza a instalación da nova glorieta na estrada AC-862 coa AC-115, no municipio de Neda

A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos executados na zona e que supuxeron un investimento da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 405.000 euros

Destaca que a intervención permitiu incrementa a fluidez do tráfico, ata o de agora regulado por semáforos

Neda (A Coruña), 29 de setembro de 2026

A Xunta finaliza as obras do proxecto de instalación da nova glorieta en Xuvia, no concello de Neda, que supoñen un reforzo da seguridade viaria e a fluidez do tráfico na zona. A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da localidade, Ángel Alvariño, supervisou esta mañá o resultado dos traballos que supuxeron un investimento de máis de 405.000 euros da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

As obras acometidas na intersección en forma de “t” entre as estradas AC-862 no entorno do punto quilométrico 7+280, e a estrada AC-115, consistiron na execución dunha glorieta cunha circunferencia de radio de 16 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior, que conta tamén cunha pequena zona verde interior.

Actuouse ademais nos treitos de acceso e saída da glorieta da AC-862 e AC-115, nos que se realizaron adaptacións pola implantación da glorieta. Así mesmo, interveuse nos entronques do viario local, onde foi especialmente relevante o enlace con seguridade do camiño con visibilidade deficiente que entroncaba ata o momento na AC-862.

A representante do Goberno galego puxo en valor esta nova actuación coa que a Xunta “mellora a seguridade viaria, a funcionalidade e a mobilidade da zona”, ata o de agora regulada por semáforos, e como elemento que contribúe á redución da velocidade na contorna. Referiu ademais as complexas condicións ás que se tivo que facer fronte na execución da glorieta, debido principalmente aos contornos do cruce actual xa existentes, marcada polas edificacións con beirarrúas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2026