O conselleiro de Educación visita o Instituto San Clemente, en Santiago, para coñecer as novas titulacións ofertadas para este curso 2026/27, que cubriron toda a matrícula
Román Rodríguez destaca a relevancia da formación a distancia para compatibilizar os estudos coa conciliación da vida laboral e familiar
Salienta o éxito dos novos másteres de FP do instituto compostelán para afondar na formación en intelixencia artificial e novas tecnoloxías
Trátase dun centro de referencia nos estudos a distancia, tanto en ESO e Bacharelato como na FP
Esta nova formación habilita aos alumnos para exercer profesións como a de técnicos en proceso e analítica de datos, integradores de sistema e información ou técnicos de solucións na nube; ámbitos cunha gran demanda por parte das empresas
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a relevancia da formación a distancia para compatibilizar os estudos coa conciliación da vida laboral e familiar. Fíxoo nunha visita ao compostelán Instituto San Clemente, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, para coñecer as novas titulacións de máster de FP ofertadas para este curso 2026/27 no centro, que cubriron toda a matrícula.
Trátase dos cursos de especialización de grao superior en Aprendizaxe automática: xestión de datos e adestramento, que forma parte da nova familia profesional de Intelixencia Artificial e Data, e en Despregamento de produtos de software en contedores, que se imparten na modalidade a distancia, unha aposta da Xunta para facilitar que a cidadanía siga completando a súa formación ao tempo que o compatibiliza con outras actividades.
O conselleiro salientou o éxito destes dous novos másteres de FP “para afondar na formación do alumnado en intelixencia artificial e novas tecnoloxías, ámbitos que, sen dúbida, son moi demandados polas empresas e, polo tanto, van ter unha gran inserción laboral”, dixo.
Román Rodríguez fixo fincapé en que, no caso concreto destas dúas novas titulacións contan cunha cobertura total das prazas ofertadas. “Isto demostra que esta formación de alta especialización é dun gran interese para os titulados da FP galega, unhas ensinanzas que curso a curso van gañando prestixio pola súa calidade e pola súa estreita relación coa realidade do mundo laboral”, dixo o conselleiro.
Centro de referencia na modalidade a distancia
Cómpre salientar que o Instituto San Clemente é o centro de referencia para os estudos a distancia en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato en toda Galicia, ademais de ser un dos que máis número de matriculados concentra na Formación Profesional nesta modalidade, dirixida especialmente ás persoas adultas. De feito, no caso da FP, ofrécense 14 ciclos a distancia que este curso acollen arredor de 900 alumnos.
Competencias e saídas profesionais
O novo máster de FP en Aprendizaxe automática: xestión de datos e adestramento ten como obxectivo ensinar ao alumnado a instalar, configurar, despregar e manter ferramentas e software en sistemas informáticos de Intelixencia artificial. Entre outras competencias, adquírense as necesarias para a predición, clasificación ou calquera outro tratamento intelixente de datos, imaxes, vídeos ou linguaxe natural. As persoas que obteñan esta titulación poderán exercer como técnicas en proceso e analítica de datos ou como integradoras de sistemas de información.
No caso do máster en Despregamento de produtos de software en contedores, os alumnos aprenden o despregamento continuo de aplicacións en plataformas propias ou na nube, así como a manter en funcionamento o sistema en condicións de ciberseguridade. As saídas profesionais son as de técnico de solucións na nube, de automatización de despregamentos, de despregamento en contedores ou de integración e despregamento continuos; así como as de administradores ou desenvolvedores DevOps (desenvolvemento e operacións).