Medio Rural leva a IXP Castaña de Galicia ao estudantado do CFEA de Sergude
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á xornada divulgativa organizada no centro
A iniciativa achegou ao alumnado dos ciclos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e Produción Agropecuaria ao produto e á súa planificación, plantación, xestión e mantemento
O director destacou que o futuro da castaña galega pasa por avanzar cara a soutos ben xestionados, produtivos e rendibles, capaces de xerar actividade económica e oportunidades no rural
Boqueixón (A Coruña), 29 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería de Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na xornada divulgativa da IXP Castaña de Galicia que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude.
Durante o encontro, o alumnado de primeiro e segundo curso dos ciclos formativos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (ACMN) e Produción Agropecuaria (PA) tivo a oportunidade de coñecer, por unha parte, aspectos xerais como a normativa da IXP, os modelos de xestión, a selección de variedades priorizadas e os programas de loita contra enfermidades e pragas. Por outra banda, enfocáronse no proceso técnico do cultivo, detallando a planificación técnica, as tarefas de repoboación, a execución da plantación e, finalmente, o peche perimetral das fincas.
Neste senso, o director destacou que o futuro da castaña galega pasa por avanzar cara a soutos ben xestionados, produtivos e rendibles, capaces de xerar actividade económica e oportunidades no rural. Alemparte lembrou, ademais, que recuperar e manter produtivos os soutos contribúe á xestión do territorio e á conservación dunha paisaxe estreitamente ligada á identidade de Galicia.
Finalmente, puxo en valor a importancia de achegar este coñecemento ao alumnado dos centros de formación agraria, futuros profesionais do sector, e de unir tradición e territorio con formación, profesionalización e calidade diferenciada. Unha aposta que a Xunta reforza tamén a través de Aquí Sabemos, que acompaña á nova identidade dos Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia, como novo paraugas para promocionar e dar maior visibilidade aos produtos galegos amparados por figuras de calidade.