O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de presentación do programa ‘RenÓbrate’
A Xunta e a Fundación Laboral da Construción impulsan cun piloto a formación e as oportunidades laborais no sector de 80 persoas desempregadas
José González salienta esta acción como exemplo de colaboración público-privada e agradece o labor da Fundación Laboral da Construción e dos municipios implicados, que son O Carballiño, Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela
Subliña que accións coma esta —enmarcada no modelo autonómico de formación flexible, áxil e conectada coas necesidades do territorio— axudan a facer fronte a retos como a cobertura de vacantes laborais e a remuda xeracional
O Goberno galego e a Fundación Laboral da Construción tamén colaboran no desenvolvemento do proxecto Benseguro, enfocado na prevención de riscos laborais nas obras menores
No ámbito do benestar laboral destaca como paso fundamental e de vangarda a aprobación onte por parte do Consello da Xunta dun plan integral acordado no seo do Diálogo Social dotado de 45 M€ e 37 medidas
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe a aposta do Goberno galego a prol dunha formación flexible e conectada coa realidade laboral do territorio, ámbito no que destacan accións como o programa piloto de formación teórico-práctica RenÓbrate. Trátase dunha iniciativa pioneira impulsada coa Fundación Laboral da Construción en colaboración cos concellos do Carballiño, Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela, e enfocada á formación e inserción laboral de 80 persoas desempregadas —20 en cada municipio implicado— en empresas do sector.
Así o salientou o conselleiro no acto de presentación deste programa, celebrado na sede da Fundación Laboral da Construción, onde tamén comprobou a formación de RenÓbrate que se imparte neste centro e onde estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, ademais de por representantes da entidade, dos concellos e do alumnado. Alí González tamén agradeceu o labor e implicación das partes implicadas e puxo este programa como exemplo da colaboración público-privada pola que avoga o Goberno galego.
Neste sentido, explicou que accións coma esta axudan a facer fronte a retos globais que inclúen ao sector da construción como a cobertura de vacantes laborais e a remuda xeracional. En concreto, a iniciativa conta cun investimento autonómico de preto de 2 M€ e desenvolverase ao longo de nove meses co obxectivo de facilitar a inserción laboral do alumnado participante no prazo máximo de dous meses desde a finalización do programa, mediante contratos a xornada completa en empresas do sector da construción establecéndose un incentivo de 1.500 euros por cada inserción acadada.
Esta acción, expuxo o titular de Emprego, complementa as liñas de programas mixtos en colaboración coas entidades locais, entre eles os obradoiros duais de emprego, e deste xeito a Xunta busca dar resposta ás necesidades de talento dun sector estratéxico como o da construción.
Retención e atracción de talento
RenÓbrate enmárcase no modelo autonómico de formación para o emprego que potencia a Xunta con apoios para a formación de persoas, tanto ocupadas como desempregadas. Neste eido destaca a aposta polas microcredenciais, como reflicte a publicación do decreto que establece un marco regulador para crear e impartir formación curta e certificada a medida das empresas. A isto engádense outras accións como as que abarca a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia para avanzar na orientación e atención ás persoas demandantes de emprego.
Esta potenciación do mercado laboral interno compleméntase cun plan de atracción de talento, cun primeiro eixo enfocado no retorno das persoas galegas do exterior e cun segundo eixo na captación de traballadores de terceiros países.
Benestar laboral
En materia de benestar laboral, a Xunta e a Fundación Laboral da Construción tamén colaboran no desenvolvemento do proxecto Benseguro, enfocado na prevención de riscos laborais nas obras menores.
Neste ámbito, o conselleiro destacou como paso fundamental e de vangarda nesta materia a aprobación onte por parte do Consello da Xunta dun plan integral acordado no seo do Diálogo Social dotado de 45 M€ e 37 medidas para mellorar o benestar, a xestión das incapacidades temporais e impulsar o retorno saudable ao traballo.