A Xunta adxudica a redacción do instrumento de planeamento do parque empresarial de Merelle que incrementará a súa superficie en máis de 230.000 m2

O Consello de Administración de Xestur acordou adxudicar o contrato á empresa Proyfe

O polígono industrial situado no concello coruñés de Ordes incrementará nun 78 % a súa dimensión actual, que rolda os 300.000 metros cadrados

Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de poñer a disposición das empresas solo industrial alí onde hai demanda

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a redacción do instrumento de planeamento do parque empresarial de Merelle (Ordes) que permitirá avanzar nos trámites para incrementar a súa superficie en máis de 230.000 metros cadrados.

Así, a Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur) adxudicou á empresa Proyfe a redacción do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) deste polígono coruñés que incrementará nun 78 % a súa dimensión actual -que rolda os 300.000 m2 -ata acadar case o medio millón de metros cadrados.

Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de incrementar o solo industrial alí onde hai demanda e favorecer, neste caso concreto, a implantación de novas empresas nunha localidade que se considera estratéxica. A súa situación a medio camiño entre as cidades de Santiago de Compostela e A Coruña ofrece excelentes posibilidades de conexión coa rede de estradas de altas prestacións, a rede ferroviaria, os portos e aeroportos, así como cos servizos de transporte colectivo.

Máis de 4 millóns de m2  de solo empresarial na provincia da Coruña

Ademais desta, o Executivo autonómico está a desenvolver diversas actuacións na provincia da Coruña que permitirán ampliar en máis de 4,3 millóns de m2 a superficie de solo industrial, cun investimento de case 112 millóns de euros ata 2030. 

Entre elas figuran a fase C do polígono empresarial de Morás (Arteixo) que xa está rematada; a expropiación dos terreos para as fases A e B do parque empresarial de Bértoa (Carballo) e do polígono industrial de Coristanco; o novo parque empresarial de Cabana de Bergantiños; a ampliación do parque empresarial da Sionlla en Santiago; a adxudicación do Peose da nova Plataforma Loxística Empresarial e Portuaria de Mandiá (Ferrol); ou a licitación das obras do novo polígono industrial de Ribeira.

Data de actualización: 30/09/2026