Nun acto celebrado esta mañá en Madrid
A Xunta recibe o dobre recoñecemento de Fitur como premio á súa aposta pola promoción dun turismo sostible e de calidade
O director de Turismo de Galicia recibiu os premios ao Mellor Stand na categoría de Comunidades Autónomas e ao Mellor Stand Sostible acadados coa proposta de Galicia na última edición de FITUR
Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma en conseguir estes dous premios nunha mesma edición
Madrid, 30 de setembro de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no acto de entrega dos Premios Fitur 2026, no que o stand de Galicia foi recoñecido con dous galardóns: o Premio ao Mellor Stand, na categoría de comunidades autónomas, e o Premio ao Mellor Stand Sostible.
Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma en acadar ambos recoñecementos nunha mesma edición, poñendo en valor a aposta de Turismo de Galicia pola innovación, a sustentabilidade e a promoción do destino. O stand de Galicia, que ocupou unha superficie de 1.138,5 metros cadrados, un 14% máis que na edición anterior, presentouse baixo a marca Galicia Calidade, como símbolo da excelencia que caracteriza o destino galego, e incorporou tamén a promoción do Xacobeo 2027 como gran acontecemento internacional.
O deseño do espazo apostou por unha proposta envolvente e inmersiva, destinada a favorecer a interacción dos visitantes cos principais valores turísticos de Galicia, como a autenticidade, a sustentabilidade, a natureza, a enogastronomía ou a cultura.
O xurado do Premio ao Mellor Stand valorou a adecuación do espazo á estratexia comercial, así como a súa orixinalidade e innovación. O Premio ao Mellor Stand Sostible recoñeceu, pola súa banda, o compromiso de Turismo de Galicia coa innovación e a defensa do medio ambiente, destacando o emprego de materiais reciclados.
A sustentabilidade estivo tamén presente nas actividades desenvolvidas no espazo, coa promoción de produtos enogastronómicos de proximidade amparados por selos de garantía, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, contribuíndo á visibilidade das pequenas e medianas empresas galegas.
Ademais, o stand incorporou medidas para favorecer a accesibilidade e informadores con coñecementos da lingua galega, xunto coa posta en valor da música, a danza e outras manifestacións da cultura de Galicia.
Unha promoción turística centrada na calidade
A participación de Galicia en Fitur 2026 forma parte do Plan de Promoción de Turismo de Galicia 2026. O plan contempla máis de 150 accións promocionais en arredor de 20 mercados e a participación en máis de 30 feiras estratéxicas, nacionais e internacionais, do sector.
Os dous galardóns recibidos en Fitur 2026 poñen en valor a aposta da Xunta por unha promoción turística baseada na calidade, a innovación, a sustentabilidade e a posta en valor dos recursos propios, nun ano marcado pola preparación do Xacobeo 2027.