A Xunta inaugura en Ourense unha serie de xornadas orientadas a mellorar a empregabilidade a través de ferramentas prácticas de intelixencia artificial
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na clausura da primeira xornada ‘CompetencIA’, que tivo lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO)
Ourense, 30 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, acompañada polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, participou hoxe na clausura da xornada CompetencIA impulsada pola Xunta na sede da entidade. Trátase da primeira das accións que terán lugar nas catro provincias co gallo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes a través do coñecemento práctico de ferramentas de intelixencia artificial aplicadas ao eido laboral.
En concreto, tras a de hoxe, a experiencia repetirase nas instalacións da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) o 8 outubro, en horario de 12,00 a 14,00 horas, e nas da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) de Santiago de Compostela o 30 dese mes, de 10,00 a 12,00 h. Por último, a sede da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) de Vigo acollerá a iniciativa o 6 de novembro, de 10,00 a 12,00 horas.
A secretaria xeral animou á inscrición e valorou que se vaian difundir usos sinxelos, accesibles e prácticos da IA no posto de traballo, así como amosar aplicacións reais en tarefas administrativas, comunicación, organización, análise de información, atención a persoas usuarias, formación e xestión de proxectos. Poñendo en valor que se vaian achegar estas ferramentas tanto a persoas desempregadas como con necesidades de reciclaxe profesional, destacou que se avogará pola mellora de competencias dixitais vencelladas á busca de emprego, á produtividade e á adaptación profesional, ademais de xerar espazos de contacto con entidades sociais, empresas, centros formativos e outros axentes vencellados ao emprego.
Nesa liña, nas xornadas veranse exemplos prácticos de redacción e mellora de currículos, preparación de entrevistas de traballo, elaboración de cartas de presentación, organización de tarefas e planificación semanal. Tamén se tratará a creación de contidos profesionais, o resumo de documentos, a mellora de correos electrónicos e comunicacións laborais, así como o uso responsable e seguro de ferramentas de intelixencia artificial.