Medio Rural destaca a capacidade do sector galego do viño para xerar actividade, emprego e oportunidades

A conselleira María José Gómez participou hoxe nunha cata de viños de Bodega Sanclodio, situada no concello de Leiro e pertencente á DO Ribeiro

Puxo en valor o papel das denominacións de orixe como garantes da procedencia do produto ao cumprir con estritos controis e regras que así a acreditan

Lembrou o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola a través de diferentes liñas de axuda dotadas con 12 millóns de euros anuais

Ourense, 30 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou esta tarde a importancia do sector vitivinícola galego como eido produtivo que xera actividade, emprego e oportunidades no territorio. Foi durante a súa participación nunha cata de viños de Bodega Sanclodio na que estivo acompañada polo director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

A maiores, a conselleira fixo fincapé na calidade dos viños galegos, un aspecto que se segue potenciando e no que as denominacións de orixe xogan un papel importante. Neste sentido, asegurou que as DO son as garantes desa calidade e da procedencia do produto ao cumprir con estritos controis e regras que as acreditan. Así mesmo, tamén resaltou a relevancia das variedades autóctonas, ás que cualificou como unha das grandes fortalezas dos viños galegos por ser parte da identidade do noso territorio.

Gómez lembrou, asemade, que desde o Goberno galego se vén apoiando ao sector vitivinícola a través de diferentes liñas de axuda, que supoñen a mobilización de 12 millóns de euros anuais. Neste sentido, destacan as de reestruturación e reconversión de viñedo, as de promoción do produto galego en mercados de terceiros países ou as do financiamento de investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

En canto á Bodega Sanclodio, a titular de Medio Rural salientou o papel da empresa valisoletana Matarromera, que adquiriu no 2022 esta adega ourensá co obxectivo de proxectala cara o futuro mantendo a súa identidade. Así mesmo, tamén recordou a vinculación desta adega coa figura do finado cineasta José Luis Cuerda, fundador da mesma e o cal segue formando parte da personalidade da marca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026