O deporte galego xera máis de 731 millóns de euros e mantén o seu peso no PIB nun 0,9%
A Conta Satélite do Deporte constata un crecemento do 2% no valor engadido bruto do sector no ano 2024
O emprego vencellado directamente ao deporte supón 1205 postos de traballo, o 1,5 % do total de Galicia
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
O valor engadido bruto xerado polo sector do deporte en Galicia ascendeu a máis de 731,2 millóns de euros en 2024, segundo os resultados da Conta Satélite do Deporte publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). O dato supón un crecemento do 2% con respecto ao ano anterior e representa o 0,9% do Produto Interior Bruto xerado en Galicia.
En termos de emprego, o sector deportivo é responsable directo de 17.205 postos de traballo, o que representa o 1,5% do emprego da economía galega. A maior parte corresponde a emprego asalariado, cunha remuneración de preto de 585,9 millóns de euros, equivalente ao 1,6 % da remuneración total dos asalariados en Galicia.
A Conta Satélite do Deporte é unha operación estatística destinada a medir a dimensión económica do sector e a súa contribución á economía galega. A iniciativa partiu da Secretaría Xeral do Deporte, que solicitou ao IGE a súa elaboración, e a primeira edición publicouse en decembro de 2024.
Esta primeira Conta Satélite constituíu unha iniciativa pioneira no conxunto do Estado para medir de forma específica a dimensión económica do deporte. A operación ofrece información sobre a produción, o valor engadido, a remuneración dos asalariados e o emprego asociado ao sector.
Para delimitar o sector, a Conta Satélite toma como referencia a Clasificación de Vilnius e céntrase nos produtos e servizos característicos do deporte, é dicir, aqueles que non existirían de non ser pola actividade deportiva.