Rueda destaca que a Xunta supera os 380 M€ de investimento en licitación no que vai de ano, o que supón a posta en marcha de 2.100 vivendas públicas
Salienta que, deste xeito, “xa se acadou o compromiso” de habilitar 4.000 novas vivendas de promoción pública nesta lexislatura
O importe das obras licitadas nos nove primeiros meses do ano supón o 76% do previsto para este ano, 500M€
No último trimestre deste 2026 licitaranse as obras de 617 vivendas
“A licitación da Xunta nos seis primeiros meses do ano multiplica por máis de 100 á do Goberno de España en Galicia”, resalta o presidente
A Xunta ten actualmente 1.861 novas vivendas de promoción pública en obra e no que vai de ano foron entregados xa 102 novos fogares
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os datos dun informe elaborado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas que revela que o Goberno autonómico “licitou as obras de case 2.100 vivendas públicas entre xaneiro e setembro, por un importe que supera os 380 M€”.
Estes datos da evolución do volume de contratación pública durante os nove primeiros meses de 2026 confirman que o compromiso de licitación para este ano 2026 será cumprido e superado. Ademais, tal e como resaltou o presidente, “neste momento xa están en marcha máis das 4.000 vivendas que nos comprometemos a ter listas en 2028, concretamente 4.670”.
As cifras
En concreto, entre xaneiro e setembro, a Xunta licitou as obras de 2.090 novas vivendas de promoción pública, o 77,75 % das 2.688 previstas para todo o ano, cun investimento que acada os 378,1 M€, o 75,89 % do importe programado. Tal e como explicou Rueda, “331 xa están en obras”.
A estas actuacións súmanse as intervencións do programa Rexurbe, que en 2026 incorporou a licitación da rehabilitación de 10 vivendas, cun investimento de mais de 2,6 M€.
Ademais, ata decembro, a Xunta licitará as obras doutras 617 novas vivendas, polo que ao peche de 2026 estarán licitadas 2.707 novas vivendas, o 100,7 % do obxectivo anual, acadando un investimento global que roldará os 500M€.
En concreto, as 617 que serán licitadas no último trimestre de 2026, suporán actuacións previstas en concellos como Ames, Arteixo, Carballo, A Coruña, Culleredo, Narón, Sada, Santiago de Compostela, Viveiro, Bueu, Baiona, Pontevedra, Salceda de Caselas e Lalín.
1.861 vivendas están xa en obras e 102 foron entregadas este ano
O informe avaliado hoxe polo Executivo autonómico evidencia que o esforzo da Xunta non se limita á planificación e á licitación, senón que se traduce en actuacións actualmente en execución e en novas vivendas que xa están chegando ás familias.
Na actualidade, segundo indicou o presidente “hai 1.861 vivendas de promoción pública en obras, que xa estaban licitadas antes de empezar o ano”.
Ademais, durante este ano xa se entregaron 102 vivendas de promoción pública: en xullo un total de 78 en Valdecorvos, e o pasado martes outros 24 fogares en Lamas de Abade, en Santiago.
Estas actuacións permiten que o investimento en vivenda pública se traduza xa en novos fogares para as familias, ao tempo que continúa a incorporación de novas promocións ao parque público galego.
Esforzo investidor da Xunta fronte ao Estado
Neste balance evidenciase que a vivenda pública marca o ritmo da contratación da Xunta nesta lexislatura, producíndose o maior salto no ámbito residencial.
A Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e solo (IGVS) pasou de licitar 45,3 M€ no primeiro semestre de 2025 a 99,8 M€ en 2026, cun incremento superior ao 120 %. A esta cifra engádense os 205,2 M€ licitados a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), de maneira que ambos organismos mobilizaron máis de 305 M€ euros en seis meses. E, en apenas dous meses máis, a Xunta supera xa os superase xa os 380 M€.
No balance, tamén se sinala a diferenza entre o volume de actuación e investimento que está mobilizando a Xunta e o executado polo Estado neste ámbito.
Segundo os datos da Federación Galega da Construción, a práctica totalidade da licitación residencial realizada en Galicia durante o primeiro semestre deste 2026 proceda da Xunta. Neste período, entre xaneiro e xullo, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou contratos por máis de 305 M€ vinculados á redacción de proxectos, execución de obras e traballos técnicos no ámbito residencial.
Pola súa banda, os organismos estatais licitaron contratos por menos de 3,2M€, dos que unicamente 6.000 euros corresponden ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
“É dicir, a licitación da Xunta nos seis primeiros meses do ano multiplica por máis de 100 a do Goberno de España en Galicia”, indicou Rueda, e, multiplica por máis de 50.000 a do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
Ante esta situación, o Goberno galego reclama ao Estado que pase dos anuncios á execución efectiva e concrete en actuacións reais os compromisos anunciados en materia de vivenda, entre eles o relativo ás 183.000 vivendas.
O Goberno galego defende que a resposta ás dificultades de acceso á vivenda debe pasar fundamentalmente por incrementar a oferta, mobilizar solo residencial, facilitar a construción de vivenda pública e protexida e impulsar tamén actuacións complementarias como os aloxamentos compartidos, a transformación de baixos en vivendas, o remate de edificios inacabados ou a rehabilitación do parque existente.
Así mesmo, considera necesario impulsar medidas que permitan mobilizar vivendas baleiras e ofrecer maior seguridade xurídica aos propietarios para incorporalas ao mercado do alugueiro.
A Xunta reafirma o seu compromiso de seguir incrementando o parque público mediante nova construción, rehabilitación, adquisición de inmobles e mobilización de solo residencial, co obxectivo de transformar o esforzo investidor en novas vivendas en Galicia para as familias.