Belén do Campo destaca o investimento de 115.000€ da Xunta para rehabilitar dúas vivendas municipais de Touro para incorporalas ao parque de vivendas municipais

Belén do Campo lembrou que a  convocatoria desta liña de axudas autonómica, lanzada en xaneiro deste ano estaba dotada cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros, e salientou a “resposta abrumadora” dos concellos, que levou a esgotar o crédito dispoñible

Touro (A Coruña), 5 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Touro, Jesús Reboredo e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisaron as obras de rehabilitación de dúas vivendas no Concello de Touro que contaron cun apoio da Xunta de 115.000 euros para a súa rehabilitación dentro das axudas do Goberno galego para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, que mobilizan un investimento de preto de 200.000 euros.

A primeira das actuacións foi nunha casa en Quintás 22- Enquerentes que será destinada a vivenda muncipal tras unha actuación que contou cunha achega de 50.000 euros por parte do Goberno galego. A intervención, cun custo total de máis de 81.000 euros, permitiu realizar unha rehabilitación integral do inmoble co obxectivo de mellorar as súas condicións de habitabilidade, accesibilidade e eficiencia, e incorporalo ao parque público residencial do municipio.

Entre as actuacións executadas destaca a creación dunha nova distribución interior, coa habilitación de estancias destinadas a dormitorios e sala de estar, así como a ampliación da superficie útil do cuarto de baño. Tamén se levou a cabo a substitución integral dos sanitarios, do mobiliario da cociña e dos electrodomésticos.

As obras incluíron igualmente a rehabilitación dos materiais de revestimento dos solos das paredes ademais de actuacións de illamento da edificación mediante SATE nas fachadas e illamento na cuberta pola cara superior do forxado.

Do mesmo xeito, executáronse novas instalacións de fontanaría, electricidade e saneamento, completando unha intervención integral que permitirá poñer a disposición das familias unha vivenda municipal renovada e adaptada ás necesidades actuais.

Por outra banda, a delegada tamén coñeceu a actuación levada a cabo na vivenda situada en Empalme-Vilar, que permitiu acometer unha renovación integral do inmoble. A intervención contou cun orzamento máis de 100.000 euros, dos que a Xunta achegou 65.000 euros que permitiron mellorar de maneira integral as súas condicións de habitabilidade, confort e eficiencia.

Os traballos incluíron a demolición interior con novas divisións, así como a rehabilitación dos solos e das paredes. Tamén se realizaron actuacións de illamento da edificación e se substituíu o forxado da cuberta.

A rehabilitación incluíu nas dúas vivendas igualmente a renovación das carpintarías interiores e exteriores, coa instalación de vidros illantes e persianas así como a substitución integral dos sanitarios, do mobiliario da cociña e dos electrodomésticos.

Ademais, executáronse novas instalacións de fontanaría, electricidade e saneamento, completando así unha intervención integral que permite dispoñer dunhas vivendas renovadas e adaptada ás actuais necesidades de confort e eficiencia.

Recuperación vivenda pública

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor o compromiso do Concello de Touro coa recuperación do seu patrimonio e co impulso de políticas activas de vivenda. Neste sentido, destacou que a colaboración entre administracións permite recuperar inmobles que estaban sen uso ou precisaban de intervención e convertelos en novas oportunidades de acceso a unha vivenda digna.

A delegada territorial salientou que as axudas da Xunta á rehabilitación de inmobles de titularidade municipal permitirán incorporar 36 novas vivendas ao parque público residencial en 16 municipios galegos. Estas vivendas terán protección permanente e serán destinadas ao alugueiro.

Belén do Campo lembrou que a  convocatoria de 2026 desta liña de axudas autonómica, lanzada en xaneiro ¡estaba dotada cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros, e salientou a “resposta abrumadora” dos concellos, que levou a esgotar o crédito dispoñible.

Estas subvencións estiveron dirixidas aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para apoiar a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, co obxectivo de ampliar o parque público residencial e facilitar o acceso á vivenda, especialmente a través do alugueiro.

Xunta política de vivenda

A delegada da Xunta lembrou que a Xunta está traballando para cumprir co compromiso de duplicar o parque público de vivenda de 4.000 a 8.000 antes de que remate 2028, co horizonte de chegar a 10.000 no ano 2030. Ademais, está a desenvolver solo residencial a través da figura dos PIA, de xeito que xa están aprobados inicialmente os das grandes cidades, para o impulso a novos barrios co obxectivo de crear solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas.

Finalmente, Belén do Campo reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir colaborando cos concellos para incrementar o parque de vivenda pública e dar resposta ás necesidades da cidadanía con fogares dignos, accesibles e de calidade. Neste sentido, destacou que a Xunta “ten a man tendida a todos os concellos”, xa que “todos temos competencia e a responsabilidade de facer todo o esforzo que estea nas nosas mans para atallar o problema do acceso á vivenda”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2026