Belén do Campo mantén unha reunión de traballo co ministro e presidente da Venerable Orde Terceira, Salvador Peña

Durante o encontro abordouse as necesidades de cara ao 30% que aínda queda por executar dos traballos de rehabilitación da capela e dos edificios anexos

A Coruña, 6 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe unha reunión de traballo con Salvador Peña, ministro e presidente da Venerable Orde Terceira de San Francisco e responsable do templo da Venerable, no marco do seguimento das actuacións que se están a desenvolver neste conxunto histórico da Cidade Vella da Coruña.

Durante o encontro Salvador Peña informou das necesidades de cara ao 30% que aínda queda por executar dos traballos de rehabilitación da capela e dos edificios anexos, así como as principais necesidades de conservación do inmoble. A actuación céntrase fundamentalmente na renovación das cubertas e na corrección das patoloxías relacionadas coa entrada de auga e co deterioro dalgúns elementos construtivos, co obxectivo de favorecer a conservación do edificio.

O representante explicoulle os traballos sobre a estrutura de madeira e os realizados na sancristía e almacén. Durante a reunión a delegada tamén coñeceu outras actuacións relacionadas coa conservación e funcionalidade do inmoble, entre elas a preinstalación eléctrica, a substitución de ventás deterioradas e a reparación dos acabados interiores.

A Venerable Orde Terceira de San Francisco forma parte do ámbito da Cidade Vella e Pescadería da Coruña, polo que a conservación dos seus elementos arquitectónicos e construtivos constitúe unha das cuestións abordadas no encontro de traballo.

Como presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, Salvador Peña aproveitou a reunión para informar da súa colaboración na procesión do Día do Rosario, que terá lugar mañá, martes 7 de outubro. A delegada da Xunta quixo agradecerlle especialmente o traballo e a implicación na organización desta celebración e trasladoulle a colaboración e o apoio da Xunta de cara á organización dos próximos actos da Semana Santa, que no ano 2027 coincidirán coa celebración do Ano Santo Xacobeo. Unha coincidencia que outorgará, se cabe, unha maior relevancia a esta celebración na cidade, ao tratarse de dúas datas de especial significación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2026