A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu hoxe no Pleno a unha cuestión sobre este ámbito

Fabiola García sinala que Galicia necesita un Goberno central que cumpra coa atención á dependencia

Apunta que o Executivo vende como novas medidas que na comunidade levan tempo aplicándose, como as homologacións automáticas

Acusa ao Goberno de “facer caixa a consta de incumprir a Lei”, ao non asumir o 50% do financiamento e recortar os fondos que destina á comunidade

 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

 A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, manifestou esta tarde que Galicia precisa dun Goberno central que cumpra coa súa palabra e que cumpra co financiamento da dependencia. Fíxoo nunha resposta parlamentaria na que sinalou que na súa reforma da Lei de Dependencia o Executivo central vende como novas medidas que xa se están aplicando na comunidade.

Fabiola García puxo como exemplo as homologacións automáticas da dependencia e da discapacidade, unha medida que a Xunta implantou hai máis dun ano e medio e que o Goberno central, agora en funcións, mantén recorrida no Tribunal Constitucional. Ademais, criticou o feito de que o Executivo central copie esta medida con menor intensidade e sen recoñecer os beneficios fiscais, o que considerou inaceptable.

Así mesmo, a conselleira tamén advertiu o feito de que a normativa inclúa unha disposición adicional para Cataluña sen motivo claro, co obxectivo de abrir unha vía bilateral como aconteceu co País Vasco.

Fabiola García lembrou que durante todos estes anos o Goberno central “si que fixo caixa coa dependencia a costa de incumprir coa lei”, xa que non só estivo moi lonxe de financiar o 50% do custo da factura se non que incluso recortou a súa achega a Galicia, que pasou do 34 % no 2024 ao 32 % o exercicio pasado. Esta baixa de fondos supuxo que só nun ano a comunidade deixara de recibir 250 millóns de euros e que a débeda acumulada coas persoas dependentes galegas supere xa os 3.000 millóns de euros.

A conselleira destacou que pese aos incumprimentos do Executivo central, Galicia deu un impulso histórico á dependencia e finalizou setembro con 99.200 persoas atendidas, mi preto do obxectivo marcado de chegar a 100.000 antes de fin de ano. Ademais, diminuíron os tempos de espera en case tres meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2026