A Xunta convida en Argentina a vivir un Xacobeo 2027 aberto ao mundo e asentado nos valores do encontro, a convivencia e a participación
O comisario do Xacobeo 2027 presentou en Bos Aires os preparativos da Xunta para deseñar unha programación ampla e diversa repartida polo territorio da comunidade
Santiago de Compostela, 08 de outubro de 2026
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, presentou no Club Español de Bos Aires, o Xacobeo 2027, o gran evento que situará Galicia no punto de mira internacional tanto pola programación que se desenvolverá na súa celebración como pola dimensión universal do Ano Santo.
Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román deu a coñecer as principais liñas de traballo que desenvolve a Xunta de Galicia para a organización e planificación do próximo Ano Santo. “Estamos definindo un programa amplo e diverso, que combine a dimensión espiritual, cultural e turística do Xacobeo e que implique ao conxunto da sociedade galega, ao tecido empresarial e ás institucións”, afirmou.
O comisario do Xacobeo 2027 destacou a implicación empresarial, institucional e social nesta planificación a través de instrumentos coma o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 que permite ordenar a colaboración público-privada e garantir unha programación ampla e diversa. En total foron 700 proxectos o que se presentaron para os anos 2026, 2027 e 2028, dos que 128 xa foron aprobados para a súa execución en 2026.
O conxunto de eventos que se engloba vai desde actuacións musicais e artísticas de primeiro nivel, festivais de música, teatro, danza, cinema e literatura, eventos culturais, deportivos e institucionais, así como congresos e actividades vinculadas ao Camiño de Santiago. A través desta programación moita da cal se integra na marca Concertos do Xacobeo, “Galicia está a consolidarse como un dos grandes epicentros da música en directo, cunha oferta descentralizada por todo o territorio”, destacou Marcos Gómez Román.
Así, lembrou que neste 2026 foron 190 eventos dentro dos Concertos do Xacobeo repartidos en 80 localidades galegas, con máis dun millón de asistentes no que vai de ano e segundo anunciou “algo similar será o que se poida vivir en 2027”.
Xunto con esta aposta pola programación, a Xunta está a impulsar tamén a participación directa da cidadanía a través do programa O Teu Xacobeo, dotado con 3 millóns de euros para apoiar proxectos vinculados á natureza, o patrimonio e a gastronomía. Na convocatoria de 2026 resultaron beneficiarios 56 proxectos e, neste mes de outubro, abrirase a convocatoria para as iniciativas que se desenvolvan en 2027.
A esta vertente de participación engádese o programa de beneficios fiscais do Xacobeo, que facilita a implicación de empresas, entidades e particulares mediante patrocinios e doazóns. “Trátase dun exemplo de como todas estas entidades poden aliñar os seus obxectivos cara unha celebración tan importante para Galicia e os galegos e galegas como é o Xacobeo 2027”, apuntou.
Marcos Gómez Román non quixo rematar a súa intervención sen lembrar que Galicia espera a todos os galegos residentes no exterior, concretamente, os que residen en Arxentina, “no mellor momento”, tal e como reza a campaña institucional de promoción da Xunta de Galicia que porá en valor durante todo 2027 o Xacobeo e toda a súa programación.
O comisario do Xacobeo 2027 concretou que “a Xunta de Galicia avanza cara ao Xacobeo 2027 cunha planificación que busca combinar proxección internacional, participación cidadá, colaboración empresarial e unha programación cultural e turística descentralizada en todo o territorio galego”.
No que vai de ano, case 6.000 arxentinos recibiron a Compostela despois de rematar o Camiño de Santiago, dos cales a maioría optou polo Francés.