A Xunta destaca a capacidade dos centros de investigación da rede CIGUS para triplicar a captación de fondos competitivos cos seus proxectos

O secretario xeral de Universidades pon en valor o traballo que realizan os científicos que traballan neles, que acadan recoñecementos de tanto prestixio como a acreditación María de Maeztu

Neles desenvólvense 44 proxectos distinguidos con axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) e rexístrase unha importante produción de publicacións en coautoría internacional, entre outros fitos

A Fundación Galtia e o proxecto europeo Talentgal permitirán captar máis investigadores internacionais de alto nivel para estes centros

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, destacou hoxe no Parlamento de Galicia a capacidade dos centros de investigación da rede CIGUS, os máis excelentes do sistema, para triplicar a captación de fondos competitivos cos seus proxectos. Neste sentido, sinalou que no período 2020/25, estes centros pasaron de captar 63 M€ en fondos a través destas convocatorias a conseguir 192 M€.

Ademais, explicou que cada euro investido pola Xunta nestes centros xera un retorno de aproximadamente tres euros en captación de fondos externos, “evidenciando a elevada capacidade destes centros para transformar o investimento público en recursos adicionais, talento, coñecemento e actividade investigadora de excelencia”.

Nunha pregunta na Comsión 4ª representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP garantiu a estabilidade financeira destes centros a través do Plan Galego de Financiamento Universitario.

O secretario xeral de Universidades explicou que o persoal investigador supón o 58,6% do total do cadro de persoal das tres universidades públicas, o que sitúa a Galicia como primeira comunidade de España neste eido. Este peso xerou a necesidade de crear unha rede de centros, a CIGUS, como ferramenta chave para impulsar o crecemento económico, o benestar social e o desenvolvemento económico coa I+D+i como motor.

Neste momento, a rede está conformada por dez centros, nos que traballan máis de 2.000 persoas, dos que cinco son da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS, CiMUS, IGFAE, CITIUS e CRETUS, os tres primeiros acreditados coa prestixiosa distinción María de Maeztu), tres da Universidade de Vigo (atlanTTic, CINBIO e CIM), e dous da Universidade da Coruña (CICA e CITIC).

Trátase de centros de alta concentración científica, con equipamentos avanzados e estruturas estables de gobernanza. Destaca a súa capacidade de actuar como polos e transferencia de coñecemento cara á economía galega e o seu poder de captación de talento. De feito, estes centros concentran 44 proxectos distinguidos con axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). Ademais teñen 44 spin offs activas e rexistran unha importante produción de publicacións en coautoría internacional, cun incremento de ata o 94% nos últimos seis anos.

“É un orgullo de país que poidamos ter centros deste nivel, 100% públicos, demostrando que Galicia e as súas universidades públicas son competitivas en investigación”, dixo o representante da Xunta.

Captación de talento internacional

Entre os retos de futuro, o secretario xeral sinalou que a Xunta está a traballar na captación de máis talento internacional a través de dúas novas iniciativas como son a Fundación Galtia e o proxecto europeo Talentgal.

Así mesmo, impulsarase o crecemento da rede, de feito, na última convocatoria incorporáronse como centros colaboradores –con aspiración de sumarse á rede nun futuro próximo– o CITEEC (da UDC), e o CINTECX e ECOBAS (ambos da UVigo).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2026