A Xunta completa a formación de 60 novos guías especializados na difusión dos valores do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
Os participantes remataron a semana pasada a parte presencial do curso, organizado pola dirección do parque en colaboración co Centro Nacional de Educación Ambiental
Durante os últimos 20 anos, case 1.300 persoas de diferentes ramas profesionais acreditáronse en Galicia como expertos neste espazo natural protexido
Os novos guías poderán sumarse ao equipo profesional que vela tanto pola protección da riqueza ambiental dos catro arquipélagos como pola atención e a información ás persoas que os visitan, que suman xa arredor de 480.000 no que vai de 2026
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de completar un novo curso para a formación de guías especializados no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), no marco do cal un total de 60 persoas lograron a acreditación correspondente para poder difundir a riqueza natural e os principais valores que alberga este espazo protexido.
Organizado e promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —a través da dirección do parque e coa colaboración do Centro Nacional de Educación Ambiental—, o curso comezou antes do verán, coa parte de formación en liña, e a semana pasada rematou co bloque práctico e presencial, impartido no edificio Cambón de Vigo e nas propias illas co fin de que o alumnado se familiarizara coa contorna natural.
Tal e como establece o Plan reitor de uso e xestión deste espazo protexido, en vigor desde o ano 2019, só poderá exercer como guía nesta área quen dispoña dun título oficial. En concreto, nos últimos 20 anos xa se formaron preto de 1.300 persoas (incluídos os 60 guías desta última promoción) para dotalos das ferramentas necesarias para desenvolver as súas actividades profesionais na contorna socioeconómica do Parque Nacional.
Cómpre subliñar o papel clave que desempeñan os guías acreditados á hora de divulgar o respecto polos espazos naturais e promover un turismo verde e sostible, en consonancia coa aposta do Goberno autonómico por buscar un equilibrio entre a protección ambiental e o desenvolvemento económico de Galicia.
En concreto, os participantes no curso recibiron formación sobre cuestións específicas en materia de lexislación e biodiversidade así como sobre a súa protección, coñecementos vitais para que contribúan a que os elementos e valores naturais dos catro arquipélagos do parque —Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— sexan apreciados e coñecidos pola cidadanía.
Neste sentido, ademais de reforzar a capacitación profesional do persoal encargado da atención aos visitantes e da interpretación ambiental nos arquipélagos, o curso de guías tamén reafirma o compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático coa formación continua e a promoción da divulgación científica do patrimonio natural.
Este ano recibiron formación 75 persoas, das que 60 superaron o período formativo de xeito satisfactorio. Como en edicións anteriores, destaca a variedade de perfís entre o alumnado inscrito, xa que hai tanto persoas que traballan como guías e técnicos de turismo (cun incremento notable de inscritos nesta edición) como profesionais doutros sectores (biólogos, xeólogos, fotógrafos, mergulladores, etc).
Unha vez reciban o seu diploma acreditativo, esta nova promoción de guías poderá sumarse ao equipo profesional que vela tanto pola protección da riqueza ambiental que alberga o Parque Nacional, como pola atención e a información que reciben os seus visitantes. Nesa liña, cómpre indicar que no que vai de 2026 xa se rexistraron arredor de 480.000 visitas e se agarda que a final de ano se supere o balance de todo 2025.