A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe na celebración do 25 aniversario de Igaxes

Fabiola García asegura que o sistema de protección de menores de Galicia é unha referencia grazas a programas como o Mentor

Destaca que a comunidade foi pioneira na posta en marcha desta iniciativa, recoñecida pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asegurou hoxe que Galicia é unha referencia no deseño de programas específicos dirixidos a mozas e mozos no sistema de protección. Fíxoo no acto conmemorativo do 25 aniversario de Igaxes, entidade coa que a Xunta impulsa o programa Mentor e á que felicitou pola súa traxectoria neste ámbito.

Fabiola García sinalou que a nosa comunidade foi pioneira na posta en marcha do programa Mentor, recoñecido pola Unión Europea como exemplo de boas prácticas.  Ademais, a conselleira explicou que o programa iniciou a súa traxectoria en áreas urbanas e que, posteriormente, ampliouse aos concellos máis pequenos e con menor poboación a través do Mentor Rural.

Fabiola García destacou a excelente acollida deste programa, que se desenvolve en colaboración co tecido empresarial e asociativo, así como cos servizos municipais de cada zona para promover oportunidades de desenvolvemento persoal, social e laboral para a xente nova. Así mesmo, engadiu que o Mentor contribúe a previr a soidade que poden experimentar os mozos ao chegar á idade adulta, acompañándoos nesta etapa de transición e favorecendo que se sintan apoiados e arroupados todo o tempo.

A conselleira manifestou que é imprescindible tecer sólidas redes de apoio social para loitar contra a soidade xuvenil e ofrecer estabilidade e ferramentas para afrontar esta etapa vital. Un obxectivo ao que responde o programa Mentor, que tamén axuda a romper os estigmas aos que se enfrontan os mozos acollidos no sistema de protección.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2026