Belén do Campo anima ás mulleres de Malpica a aproveitar os recursos de atención que se prestan no CIM Móbil

A delegada da Xunta subliñou que este recurso de atención integral, leva realizadas, entre febreiro e setembro, 281 atencións individuais con persoas usuarias en 45 concellos da provincia da Coruña

Malpica (A Coruña), 20 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, visitaron hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) Móbil, instalado durante esta xornada no municipio, onde mantivo un encontro cos responsables do servizo para coñecer de primeira man o seu funcionamento e os recursos que ofrecen ás mulleres. A unidade móbil permanecerá no Concello ata as 14.00 horas.

Durante a visita, Belén do Campo interesouse polo traballo que desenvolven os profesionais deste recurso, que permite achegar información, orientación e atención especializada aos concellos que non dispoñen dun CIM fixo. Neste sentido, animou as mulleres que poidan precisar deste servizo a aproveitar a súa presenza no municipio, que conta cunha traballadora social e unha psicóloga. Trátase da segunda ocasión na que esta unidade móbil visita este municipio.

A representante do Goberno galego destacou a importancia de facilitar o acceso aos recursos de atención e acompañamento con independencia do lugar de residencia, especialmente nos municipios rurais, onde a dispersión territorial pode dificultar o acceso aos servizos especializados. Así mesmo, puxo en valor o carácter integral e multidisciplinar do CIM Móbil, que combina a atención individual coas accións de información, sensibilización e prevención da violencia de xénero.

Neste contexto, Belén do Campo lembrou que este recurso complementa a rede galega de Centros de Información á Muller fixos, integrada actualmente por 84 centros, dos que 29 están situados en concellos da provincia da Coruña e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte 5 en A Laracha, Carballo, Cee, Muxía e Zas. Estes servizos contan co apoio da Xunta para o seu financiamento e permiten ofrecer atención e asesoramento ás mulleres en distintos ámbitos.

Máis de 280 atencións individuais na provincia

A actividade desenvolvida polo CIM Móbil na provincia da Coruña entre febreiro e setembro de 2026 reflicte a importancia deste servizo de proximidade. Durante este período, a unidade visitou 45 concellos e realizou un total de 129 visitas, facilitando o acceso das mulleres a recursos especializados de atención e acompañamento.

En concreto, rexistráronse 281 atencións individuais: 189 psicolóxicas, 64 sociais e 28 xurídicas. A atención psicolóxica foi a máis demandada, o que evidencia a importancia de contar con profesionais especializados que poidan ofrecer apoio e orientación adaptados ás necesidades de cada persoa.

O servizo desenvolveu tamén 15 accións de sensibilización e realizou 14 visitas a universidades e outros espazos comunitarios, co obxectivo de promover a igualdade, previr a violencia de xénero e dar a coñecer os recursos dispoñibles.

A evolución da actividade amosa, ademais, un incremento progresivo das atencións ao longo dos meses, ata acadar as 100 intervencións individuais en setembro, a cifra máis elevada do período analizado. Estes datos apuntan á consolidación do recurso e á importancia de manter unha presenza continuada no territorio para favorecer que cada vez máis mulleres coñezan e poidan utilizar os servizos que teñen á súa disposición.

Presenza en distintos concellos durante outubro

O CIM Móbil continúa o seu percorrido pola provincia da Coruña para achegar estes recursos a diferentes municipios. Dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial, a programación prevista para outubro inclúe visitas a Rois o 28 de outubro e Santiso o 30 de outubro.

Belén do Campo incidiu na importancia de dar visibilidade a este servizo e ao traballo dos seus profesionais, que contribúen a facilitar unha atención máis próxima, accesible e especializada. Neste sentido, subliñou que a unidade móbil permite reforzar a rede de recursos existentes e avanzar na igualdade de oportunidades, evitando que a falta dun centro específico no municipio supoña unha barreira para acceder á información, á orientación e ao acompañamento

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2026