O conselleiro de Sanidade, xunto co director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, participou no acto de presentación do proxecto Ribadeo cardioprotexido, apoiado polo Goberno galego

Os orzamentos da Xunta para 2027 destinan un millón de euros en axudas aos municipios para a dotación de desfibriladores nas rúas e avanzar cara a unha Galicia cardioprotexida

Gómez Caamaño destaca o carácter pioneiro da iniciativa para mellorar a capacidade de resposta ante unha emerxencia cardíaca

Detalla que poderán beneficiarse das axudas todos os concellos, tanto cidades como vilas e o rural

A Xunta facilita a formación cidadá en emerxencias co programa RCP na Aula, co que se formaron máis de 105.000 escolares

A aplicación Sergas Móbil permite localizar os máis de 3.800 desfibriladores rexistrados en toda Galicia

Ribadeo (Lugo), 22 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, indicou que os orzamentos da Xunta para 2027 destinarán un millón de euros en axudas aos concellos para a dotación de desfibriladores nas rúas e así avanzar cara a unha Galicia cardioprotexida.

Así o sinalou Gómez Caamaño durante o acto de presentación do proxecto Ribadeo cardioprotexido -un proxecto apoiado polo Goberno galego-, no parque da rúa San Francisco, onde estivo acompañado polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.

O conselleiro de Sanidade agradeceu ao alcalde de Ribadeo, ademais de a Alma Industries e á Fundación Española do Corazón, a súa implicación nesta iniciativa que permite dispoñer, no espazo público, de dous desfibriladores externos semiautomáticos accesibles para calquera persoa ante unha emerxencia cardíaca.

Gómez Caamaño situou Ribadeo como o primeiro dos concellos galegos que estrea un novo modelo de protección sanitaria, xa que o próximo ano a Xunta convocará unha orde de axudas para os concellos que desexen dotarse de desfibriladores e instalalos nas rúas.

Trátase dunha iniciativa pioneira que permitirá dispoñer, fóra dos centros sanitarios, de equipamento conectado as 24 horas co 061, con xeolocalización e o material necesario para intervir ante unha parada cardíaca.

Gómez Caamaño apuntou a importancia de que todos os concellos de Galicia se poidan beneficiar destas axudas para que a protección ante unha parada cardíaca chegue tanto a cidades como a vilas, ao urbano e ao rural. Sinalou tamén que precisamente é a administración local a que mellor coñece as necesidades da súa veciñanza e poden identificar os espazos máis axeitados para colocar os dispositivos.

Como medida complementaria á instalación dos dous desfibriladores na rúa San Francisco e na rúa Rosalía de Castro de Ribadeo, están previstas accións formativas impartidas por persoal do Hospital da Mariña dirixidas á cidadanía en xeral, a asociacións, entidades deportivas, centros educativos e colectivos locais.

O conselleiro de Sanidade lembrou que a Xunta impulsa a formación da cidadanía en emerxencias con outros programas destacados como RCP na Aula, co que o 061 xa formou en reanimación cardiopulmonar máis de 105.000 escolares galegos.

Ademais, Gómez Caamaño indicou que a Xunta facilita a información para localizar máis de 3.800 desfibriladores rexistrados en toda Galicia a través da aplicación Sergas Móbil. No apartado de centros e puntos de interese, pode accederse ao mapa no que se indican os desfibriladores dispoñibles tanto en instalacións públicas como en edificios privados que dispoñen deste recurso.

Centro de saúde máis amplo e con máis servizos

Durante o acto, o conselleiro de Sanidade adiantou que o Servizo Galego de Saúde está a ultimar os trámites para licitar proximamente o proxecto construtivo do novo centro de saúde de Ribadeo.

Gómez Caamaño subliñou que a súa construción permitirá ampliar espazos asistencias, incorporar novos servizos e mellorar as condicións de atención tanto para pacientes como para profesionais.

O novo centro de saúde contará con seis consultas de medicina de familia, seis de enfermería, unha sala de toma de mostras, unha consulta de farmacia, dúas salas de técnicas para ecografías, espirometrías e cirurxía menor, entre outras prestacións, ademais do despacho para o traballador social e sala de xuntas/biblioteca.

Tamén terá unha consulta de pediatría e outra de enfermería pediátrica, unha para a matrona, unha para o programa da muller e unha sala de educación sanitaria. Ademais, contará cunha consulta de odontoloxía, unha para hixienista, fisioterapia e área de radioloxía permitirán achegar unha atención máis integral e multidisciplinar.

En canto á atención de urxencia en Ribadeo, reforzaranse os espazos do PAC cunha sala de observación, box de críticos, dúas consultas de medicina xeral e unha de enfermería, entre outras dependencias. Tamén haberá espazo para o 061. 

Data de actualización: 22/10/2026