A Xunta destaca o papel da medicina forense nos procesos xudiciais e na prevención de riscos para a saúde

A directora do Imelga, Noemí Morte, participa no DataForum, congreso sobre transformación dixital e uso de datos no ámbitos xudicial que se celebrará ata o venres na Coruña

Destaca nesta cita que entre o 80 e o 90% do traballo da medicina forense ten como suxeitos a persoas vivas e pon como exemplos a valoración de vítimas de violencia de xénero ou a elaboración de informes periciais en accidentes

A análise de datos forenses permite identificar riscos xenéticos e contribuír á prevención no ámbito da saúde

A Coruña, 21 de outubro de 2026

A directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Noemí Morte, destacou hoxe en DataForum o papel dos médicos forenses no auxilio á administración de xustiza e na prevención de problemas de saúde. Ao congreso,  cita de referencia sobre transformación dixital e uso de datos no ámbito xudicial en España que se desenvolve na Coruña ata o vindeiro venres, asistiu tamén o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

Noemí Morte explicou que entre o 80 e o 90 por cento do traballo dos médicos forenses se realiza con persoas vivas, fronte á imaxe máis estendida desta profesión, asociada á investigación de mortes violentas ou sospeitosas de criminalidade. Unha parte importante do labor dos profesionais céntrase na valoración de vítimas de violencia de xénero e sexual, así como na elaboración de informes médicos que achegan probas e criterios técnicos aos órganos xudiciais. Tamén realizan valoracións relacionadas coa capacidade laboral e estudan as lesións sufridas en accidentes, contribuíndo a que as vítimas poidan obter o recoñecemento e o amparo legal que lles corresponden.

A directora do Imelga incidiu na importancia dos datos e das ferramentas dixitais para anticiparse aos riscos e mellorar a prevención. A análise e a xeorreferenciación da información permiten identificar zonas nas que se concentran denuncias por violencia, o que facilita a detección de puntos de risco e o deseño de medidas preventivas. No ámbito da saúde mental, os datos epidemiolóxicos dos suicidios tamén poden contribuír a elaborar estratexias de prevención, mellorar a atención ás persoas afectadas e apoiar as familias. Ademais, a preparación dos equipos forenses para intervir en accidentes con múltiples vítimas resulta fundamental para afrontar este tipo de sucesos.

Por outra banda, Morte destacou a contribución da medicina forense á saúde pública. O estudo das mortes súbitas permite detectar posibles riscos xenéticos en familiares e derivalos aos servizos de saúde para previr novos casos. Así mesmo, destacou a utilidade dos datos obtidos no traballo forense para mellorar as estatísticas de mortalidade, grazas a ferramentas de innovación tecnolóxica como a transmisión automatizada e en tempo real desta información ao Instituto Nacional de Estatística. Deste xeito, a medicina forense, ademais de contribuír á xustiza, proporciona coñecemento útil para a prevención e a protección da saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026