Ortiz destaca a mellora da seguridade na PO-552, entre Nigrán e Baiona, cun investimento de 800.000€

A delegada da Xunta en Vigo visitou este xoves a zona na que a Xunta implantará medidas de ordenación de tráfico, mellora da visibilidade e protección de usuarios

Remodelarase a intersección na entrada á Ramallosa cunha nova glorieta para o calmado e reorganización do tráfico e melloraranse os pasos peonís

Nigrán (Pontevedra), 22 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves a zona da estrada PO-552, na Ramallosa, despois de que o Consello da Xunta déralle luz verde á aprobación provisional, para a súa próxima información pública, do proxecto de execución da mellora da seguridade viaria da estrada que comunica Nigrán en Baiona.

A representante autonómica lembrou que esta nova intervención da Xunta, que suporá un investimento estimado de preto dos 800.000 euros, ten como obxectivo actuar no treito comprendido entre os puntos quilométricos 10+600 e 14+230, mediante a implantación de medidas de ordenación do tráfico, mellora da visibilidade e protección dos usuarios vulnerables.

As actuacións propostas inclúen a remodelación da intersección coa EP-2106 e a rúa Francisco Lago no punto quilométrico 12+100, onde se proxecta unha nova glorieta como elemento de calmado e reorganización do tráfico, a mellora dos pasos peonís, a mellora da iluminación e o reforzo de sinalización horizontal e vertical.

O detalle do proxecto

En concreto, as intervencións proxectadas consisten na mellora da seguridade viaria ao longo dos algo más de 3,6 de percorrido do citado treito da PO-552.

A actuación principal consiste na remodelación do cruzamento situado no punto quilométrico 12+100 da PO-552, na entrada á Ramallosa (Nigrán), onde conflúen esta vía autonómica, a estrada provincial EP-2106 e a rúa Francisca Lago. Proxéctase a implantación dunha glorieta como elemento de calmado e reorganización do tráfico, co obxectivo de ordenar os movementos existentes, eliminar xiros conflitivos e reducir a velocidade de circulación neste punto, seguida dunha nova definición do cruzamento coa EP-2106.

A glorieta proxéctase cun illote central de 6 metros de diámetro executado en formigón coloreado, un diámetro interior de 8 m e un diámetro exterior de 24 m, e contará cun carril de 8 m.

O cruzamento da PO-552 coa estrada provincial EP-2106 executarase con planta en T. En dirección descendente, disporase dun carril de incorporación á PO-552 desde a EP-2106. En sentido ascendente, a incorporación desde a EP-2106 á PO-552 realizarase mediante unha intersección regulada con STOP, conectando co novo esquema de carrís previsto na estrada autonómica.

Disporanse pasos peonís nas inmediacións da glorieta, en concreto, na rúa Francisca Lago, na estrada EP-2106 e na PO-552 na súa aproximación á glorieta de xeito descendente, e executaranse beirarrúas no ámbito inmediato da glorieta e nas zonas afectadas pola remodelación da intersección, con pavimento equivalente ao existente, mediante baldosa hidráulica e pavimento podotáctil nas aproximacións aos pasos peonís.

Ademais, proxéctase a iluminación de distintos pasos de peóns ao longo de todo o treito co fin de mellorar a seguridade viaria e facer máis visibles os puntos de conflito entre o tráfico rodado e os peóns.

De forma complementaria, o proxecto inclúe outras actuacións ao longo do tramo, tales como a mellora dos pasos de peóns existentes (en total actuarase en 22 pasos de peóns), o reforzo da sinalización horizontal e vertical, a implantación de elementos de balizamento, a mellora da iluminación e a execución de medidas de calmado de tráfico, todo isto orientado a incrementar a seguridade viaria e a protección dos usuarios da vía.

Esta nova intervención do Goberno galego na PO-552 enmárcase na estratexia destinada a mellorar os niveis de servizo e a funcionalidade da rede autonómica de titularidade da Xunta, con especial atención aos tramos clasificados como tramos de Concentración de Accidentes (TCA) e Tramos de Alto Potencial de Mellora (TAPM).

A tramitación

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé someter este mesmo mes de outubro este proxecto a información pública, para os efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia por un período de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio.

Unha vez resolta a información pública, procederase a aprobación definitiva do proxecto de construción co obxectivo de licitar e posteriormente adxudicar as obras no vindeiro ano. O prazo de execución das obras é de 5 meses.

Co impulso destas actuacións, o Executivo autonómico, xunto coas outras obras executadas nesta zona nos últimos anos, segue a apostar por incrementar a mellora da seguridade viaria na PO-552. As actuacións contarán co financiamento dos fondos do programa operativo FEDER 21/27.

O Goberno galego segue impulsando intervención que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións nos municipios e primando unha mobilidade máis cómoda e segura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2026