A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, interveu na xornada Vacinar para protexer o corazón, a túa saúde e a túa vida

A Xunta expón o seu modelo de saúde pública, referente no conxunto do Estado en materia de cribados e vacinación

A representante da Consellería de Sanidade remarca o obxectivo de seguir avanzando na prevención de enfermidades, na detección precoz e na anticipación aos problemas de saúde para evitar consecuencias máis graves para as persoas

Afonda nos retos futuros en materia de vacinación, para seguir a avanzar na mellora das coberturas en todas as idades, especialmente en adultos

A Coruña, 10 de novembro de 2026

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, expuxo esta tarde o modelo de saúde pública de Galicia, referente no conxunto do Estado en materia de cribados ou de vacinación.

A representante da Consellería de Sanidade interveu na xornada Vacinar para protexer o corazón, a túa saúde e a túa vida, que se celebrou na sede da Real Academia de Medicina de Galicia.

A directora xeral remarcou o obxectivo de seguir avanzando na prevención de enfermidades, na detección precoz e na anticipación aos problemas de saúde para evitar consecuencias máis graves para as persoas.

Así, continuarase a traballar para consolidar o calendario de inmunización ao longo de toda a vida, mantendo a protección da infancia e da a adolescencia, e reforzando a inmunización dos maiores fronte ao herpes zóster e ao pneumococo. Tamén se continuará coas investigacións na vida real, como se está a facer actualmente coa vacina combinada de gripe e covid no estudo Combogal.

Coberturas de vacinación

Na súa intervención nesta xornada, Carmen Durán deu conta da integración cronolóxica, nos últimos catro anos, de novas vacinas preventivas no calendario galego e incidiu no liderado de Galicia en coberturas de vacinación tanto da gripe como da covid.

Tamén fixo referencia á importancia de incrementar a vacinación fronte á gripe do persoal sanitario e das embarazadas, que é un dos obxectivos da campaña deste ano.

Para rematar a súa intervención, a directora xeral afondou nos retos futuros en materia de vacinación, incidindo na necesidade de seguir a avanzar para mellorar as coberturas en todas as idades, especialmente en adultos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2026