O Sergas publica a relación de admitidos para o acceso por concurso á condición de persoal fixo de médico de urxencias no Hospital Universitario de Ourense
Resultan admitidas provisionalmente 134 persoas para un procedemento no que se oferta un total de 25 prazas
Este proceso selectivo convocouse en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se aproba e se publica a relación provisional de aspirantes admitidos e excluídos no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Ofértanse un total de 25 prazas mediante o sistema de concurso, das cales 17 corresponden á quenda de acceso libre, 6 a promoción interna e 2 a discapacidade xeral. Neste proceso selectivo, resultaron admitidos 134 aspirantes, dos cales 129 accederon pola quenda de acceso libre, 2 pola de discapacidade xeral e 3 pola de promoción interna.
Este proceso selectivo convocouse en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.
Os aspirantes excluídos, ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación (o prazo remata o 26 de novembro de 2026), para presentar reclamación dirixida á mesma unidade de validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.