A incidencia da gripe rexistra nivel basal e tendencia crecente, cun aumento na dispensación de antigripais
Rexístrase un aumento do 15,3 % na dispensación de antigripais na última semana, mentres que a de probas de antíxenos descendeu un 11,1 %
As consultas de atención primaria por gripe aumentaron un 30,5 % respecto da semana anterior e a taxa de ingresos mantívose estable nun 1,4 %
Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 4,8 %
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 8 de novembro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un aumento do 15,3 % na dispensación de antigripais nas farmacias galegas.
Polo que atinxe á dispensación de probas de antíxenos, descendeu un 11,1 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.
Segundo se recolle no informe do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe aumentou un 30,5 % respecto da semana anterior, ficando en 16,1 consultas por 100.000 habitantes.
Por grupos de idade, observouse un aumento da taxa en todos eles, con excepción do grupo de 0 a 4 anos e o de 60 a 79 anos, nos que diminuíu. O grupo que presentou un maior número de consultas foi o de 5 a 19 anos, con 30,7 por cada 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas aumentou en todas elas. A área coa maior taxa foi a de Lugo, con 29,8 consultas por 100.000 habitantes.
Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 4,8 %, ficando en 16,1 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, observouse un descenso da taxa en todos eles, con excepción do grupo de 5 a 19 anos e o de 20 a 59 anos, nos que aumentou. O grupo que presentou un maior número de consultas foi o de 80 e máis anos, con 22 consultas por cada 100.000 habitantes, se ben neste grupo observouse un descenso do 29 % en relación á semana anterior. A área coa maior taxa foi a de Pontevedra, con 20,8 consultas por 100.000 habitantes.
Taxa de ingresos con patóxeno confirmado
O número de ingresos por gripe notificados ata a semana que rematou o 8 de novembro, é de 208 persoas (203 con virus do tipo A). A taxa de ingresos foi de 1,4 por 100.000 habitantes, semellante á da semana anterior. O grupo de idade que presentou a taxa máis elevada foi o de 0 a 4 anos, con 6,6 ingresos por 100.000 habitantes. As áreas coa maior taxa foron a de Santiago de Compostela e a de Lugo, ambas con 2,5 ingresos por 100.000 habitantes.
Respecto da taxa de ingresos da covid, descendeu un 16,7 %, baixando de 4,2 a 3,5 ingresos por 100.000 habitantes. O grupo de idade que presentou a maior taxa de ingresos foi o de 80 e máis anos, con 21,6 por 100.000 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou na de Vigo, que se sitúa como a segunda coa taxa máis elevada despois da de Lugo.
Polo que respecta á positividade do virus da covid, esta foi do 12 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (13,8 %).
A Xunta iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade o 28 de setembro, e continúa a desenvolver o seu plan de vacinación coa inmunización infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios integrados no programa piloto, así como para o persoal sanitario.
A campaña segue en marcha coa vacinación das mulleres embarazadas e as persoas menores de 70 anos con patoloxías de risco. Así mesmo, o pasado luns, 9 de novembro, comezou a vacinación das persoas de 60 ou máis anos, persoal de servizos esenciais e persoal de exposición laboral.