A Xunta convoca 50 prazas do curso de diplomado en saúde pública, con acreditación a nivel nacional
O Diario Oficial de Galicia publica as bases da edición de 2027, cunha formación de 275 horas lectivas
O curso está dirixido especialmente a profesionais con interese na saúde pública e que prestan servizos no sistema público de saúde de Galicia
O prazo de solicitudes comeza mañá xoves e remata o 9 de decembro
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do curso de diplomado en saúde pública que se realizará a través da Escola Galega de Saúde Pública e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), acreditado pola Escola Nacional de Sanidade e con validez en todo o territorio nacional.
O obxectivo deste curso é proporcionar ao profesional da saúde un coñecemento máis profundo das diversas disciplinas da área da saúde pública e dar a coñecer os instrumentos imprescindibles que se utilizan para a interpretación, control e avaliación dos problemas de saúde.
O curso estrutúrase en 200 horas teóricas na modalidade de teleformación e 75 horas prácticas, coa realización dun traballo final.
A parte teórica desenvolverase do 25 de xaneiro ao 19 de xuño de 2027. A defensa do traballo final, nun acto presencial, realizarase os días 18 e 19 de outubro do vindeiro ano.
Para cursar o diplomado en saúde pública deberase estar en posesión de licenciatura, diplomatura ou grao universitario ou equivalente no sector sanitario ou ser profesional titulado universitario que desempeñe funcións no ámbito sanitario no momento de publicación da convocatoria.
O curso diríxese preferentemente a profesionais con interese na saúde pública, que prestan servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia, ou que pretenden acceder a el, e ten un prezo de 800 euros.
Ofértanse 50 prazas, das que se reservan dez a profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública e das direccións territoriais da Consellería de Sanidade.
As solicitudes poden presentarse a partir de mañá xoves ata o 9 de decembro, na dirección de correo electrónico escola.saude.publica@sergas.es.