Medio Rural destaca a potencialidade de Galicia na produción e transformación de castaña

A conselleira María José Gómez visitou hoxe as instalacións de Alibós Galicia, no concello lucense de Monterroso, á que sinalou como todo un referente no procesamento deste froito na nosa comunidade

Gómez destacou a importancia de impulsar a xeración de valor engadido, polo que fixo referencia ás achegas específicas para a transformación e comercialización de produtos agrarios

Monterroso (Lugo), 10 de novembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a potencialidade de Galicia no sector da castaña, tanto na súa produción como na transformación. Fíxoo durante unha visita ás instalacións da empresa Alibós Galicia, no concello lucense de Monterroso, á que sinalou como todo un referente no procesamento deste froito na nosa comunidade, o que contribúe de forma significativa á xeración de valor engadido.

Neste sentido, Gómez destacou nesta visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros,  a importancia de potenciar a transformación e a comercialización dos produtos agroalimentarios. Así, fixo referencia á liña de achegas específica impulsada con este obxectivo, das cales foi beneficiaria Alibós Galicia.

María José Gómez destacou tamén a importante capacidade produtiva da empresa lucense e puxo en valor a súa orientación internacional, xa que arredor do 92 % das súas vendas están destinadas á exportación.

IXP Castaña de Galicia

A conselleira lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun selo de calidade específico para este froito, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia; o que pon de relevo a importancia desta produción. Gómez sinalou que este distintivo está constituído como unha ferramenta de diferenciación, que garante a trazabilidade e a calidade do produto final.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2026