A conselleira do Medio Rural participou hoxe en Córdoba na feira Andalucía Gusto del Sur International Cheese Festival
Galicia amosa en Córdoba a calidade dos seus queixos e aspira a sumar novos recoñecementos nos World Cheese Awards
O evento conta coa presenza de 15 queixerías galegas entre un total de 5.300 queixos procedentes de 44 países
Trátase dunha das competicións máis prestixiosas a nivel internacional, e que en edicións anteriores premiou a algo máis de medio cento de producións galegas
Así, Gómez amosou a súa vontade para que a calidade dos queixos galegos volva ser recoñecida este ano no certame
Córdoba, 12 de novembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, xunto co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na feira Andalucía Gusto del Sur International Cheese Festival, que conta coa participación de arredor de 5.300 queixos procedentes de 44 países e na que están presentes 15 queixerías galegas.
No marco deste evento ten lugar o certame World Cheese Awards, unha das competicións de queixo máis prestixiosas a nivel internacional, e que en edicións anteriores premiou a algo máis de medio cento producións galegas. Así, a conselleira amosou a súa vontade para que a calidade dos queixos galegos volva ser recoñecida este ano no concurso, que se celebra hoxe ás 18,00 horas.
Seguindo esta liña, asegurou que este tipo de recoñecementos supoñen unha mostra do bo facer dos profesionais da gandaría galega e do importante labor que desenvolven as queixerías, que apostan pola transformación do leite, unha materia prima de moi alta calidade, para favorecer a xeración de valor engadido no territorio. Do mesmo xeito, destacou que Galicia transforma máis do 75 % do leite que se produce na comunidade.
Calidade diferenciada
María José Gómez sinalou que a profesionalidade neste sector tradúcese tamén na calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios. Galicia conta cun total de catro denominacións de orixe protexidas específicas para os queixos (Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro), que acadan un valor económico duns 58 millóns de euros anuais. Cómpre resaltar tamén o selo de Artesanía Alimentaria, que conta cunha norma técnica dedicada de xeito exclusivo á elaboración de derivados lácteos.