O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da iniciativa na Sala Riquela
O ciclo ‘Ducia e Pico’ levará unha vintena de propostas musicais a oito salas galegas co apoio da Xunta
A programación, que se estende ata maio de 2027, aposta polo talento emerxente e a diversidade artística
Abril e Lontras abrirán mañá a iniciativa en Boiro e El Nido pechará a súa xira o 20 de novembro na Sala Riquela
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na Sala Riquela na presentación do ciclo Ducia e Pico, unha iniciativa impulsada por Luneda Producións co apoio da Xunta de Galicia que levará unha vintena de propostas musicais a oito salas galegas ata maio do ano 2027.
Tal e como e explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, trátase dunha iniciativa que aposta maioritariamente por proxectos emerxentes, cunha destacada presenza de propostas lideradas por mulleres, e na que se combina música de raíz, folk contemporáneo, pop, indie, funk e experimentación sonora.
Para iso, o ciclo, que arrincou en xuño e xa percorreu as salas de Mos, Cambados e Ferrol, estará tamén en Santiago de Compostela, Boiro, Vilar de Santos, Melide, Pontedeume e volverá a Mos e Cambados. Neste senso, os protagonistas da próxima cita serán Abril e Lontras, que presentarán os seus discos Medrar e Caras no luma mañá, venres, na Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro.
A continuación, o día 20, a banda burgalesa El Nido despedirá na Sala Riquela a xira de La Constancia, coa súa reinterpretación contemporánea do folclore castelán. O mes de novembro completarase con Unto Vello, o día 21 en Mos; Maricarme, o 22 en Cambados; e L’arannà e Carmela, o 27 en Santiago de Compostela.
En decembro actuarán Xiro e Bouba, o día 12 en Vilar de Santos, e Brassica Rapa, o 19 en Melide. Xa en 2027, Brúa e BÖJ compartirán escenario o 12 de marzo en Boiro. As últimas citas serán en Pontedeume, con Leticia Rey o 24 de abril e Tres Pesos o 22 de maio.
Ducia e Pico é un dos nove ciclos incluídos na liña de axudas da Xunta para concertos en salas, xurdido das axudas para a súa realización acordadas entre a Xunta de Galicia e o sector. Nesta ocasión, a convocatoria dotada con preto de 360.000€ lanzouse para o bienio 2026-2027 co obxectivo de favorecer a actividade continuada destes espazos, a profesionalización do sector, a circulación de artistas e a creación de novos públicos.