O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou en Río de Xaneiro o XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas

A Xunta destaca o papel da nova Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para enriquecer a próxima folla de ruta da Estratexia Galicia Retorna

González sinala que o labor deste órgano tamén será clave para sentar as bases da nova Lei de Galeguidade, asegurar apoio autonómico a todas aquelas persoas galegas do exterior que o necesiten e seguir potenciando a cultura e a lingua galegas

Agradece o traballo realizado pola Comisión Delegada saínte desde as súas entidades do exterior nos últimos tres anos e anima a todas as persoas asistentes ao XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas a visitar Galicia o vindeiro ano Xacobeo 2027

Río de Xaneiro, 12 de novembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe o papel da nova Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas para enriquecer a próxima folla de ruta da Estratexia Galicia Retorna logo de consolidar o regreso a Galicia de preto de 50.000 persoas galegas desde 2018. Así o expuxo durante a clausura do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado onte e hoxe na Casa de España en Río de Xaneiro, e onde estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Precisamente, o retorno é un dos catro piares nos que se basea o labor deste órgano colexiado de representación permanente das persoas galegas residentes fóra de Galicia, composto por 13 entidades galegas no exterior. Outro piar ao que aludiu o conselleiro é a galeguidade, ámbito no que a Comisión Delegada será clave para axudar ao Goberno galego a sentar as bases da nova Lei de Galeguidade co fin de que vaia máis alá da preservación da memoria e abarque a dimensión socioeconómica e de talento do exterior como motor de desenvolvemento.

A isto súmase o eixo social, no que este órgano é unha rede de axuda para asegurar que o apoio da Xunta chegue a todas aquelas persoas galegas do exterior que o necesiten. O cuarto piar do labor da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas é a cultura e a lingua e nesta materia a Comisión Delgada traballará para desenvolver novos mecanismos de difusión do idioma e para adaptar a súa ensinanza á era dixital e á intelixencia artificial.

José González tamén tivo palabras de agradecemento ao traballo realizado pola Comisión Delegada saínte desde as súas entidades nos últimos tres anos. Ademais, animou a todas as persoas asistentes a esta cita a visitar Galicia o vindeiro ano Xacobeo 2027 e a participar no Día da Galicia Exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2026