Preto de 40 agrupacións de voluntarios de Protección Civil reciben material da Xunta este ano

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da orde para a adxudicación de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con estes colectivos

O material cedido inclúe 19 kits de material loxístico de seguridade viaria e 20 kits de ferramentas eléctricas

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC). Un total de 39 entidades locais resultaron beneficiarias da medida, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027.

Segundo a resolución publicada, cédense 19 kits de material loxístico de seguridade viaria a seis concellos da Coruña, un Lugo, nove de Ourense e tres de Pontevedra; e 20 kits de ferramentas eléctricas a cinco municipios da Coruña, dous de Lugo, sete de Ourense e catro de Pontevedra, ademais de á Mancomunidades do Val Miñor e á Agrupación de Concellos de Ribeira de Miño, tamén en Pontevedra.

As entidades locais beneficiarias ás que, a través desta resolución, se lles concede o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción da comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión do material será de tres meses desde a súa recepción.

A través desta convocatoria dótase do equipamento necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, co obxectivo de reforzar a súa capacidade de resposta e garantir unha actuación eficaz e segura ante situacións de risco.

Data de actualización: 13/11/2026