V Plan director da cooperación galega (2023-2026)
O artigo 83 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia regula a planificación da Cooperación Galega. Este artigo establece que a política pública autonómica en materia de cooperación para o desenvolvemento articúlase a través do Plan director da cooperación galega, cunha duración de catro anos.
O artigo 87.2 desta lei establece que lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia aprobar o Proxecto de plan director da cooperación galega para o desenvolvemento, por proposta da conselleira ou do conselleiro competente en materia de cooperación para o desenvolvemento, e logo do informe do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, e acordar a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación.
O V Plan director da cooperación galega (2023-2026) foi informado polo Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) o 14 de febreiro de 2023, e foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 2 de marzo de 2023 e polo Parlamento de Galicia o 15 de xuño de 2023.
O V Plan Director presenta unha continuidade co IV Plan Director e o seu deseño estratéxico con base no modelo de xestión orientada a resultados de desenvolvemento, mais realizando unha revisión dos seus ámbitos estratéxicos e do marco de resultados e identificando os procesos que reforzan a identidade, as vantaxes comparativas e o valor engadido da Cooperación Galega.
Os resultados de xestión son os seguintes:
- R.X.1. A Cooperación Galega aliña o seu marco estratéxico e operativo coa Axenda 2030 e os ODS.
- R.X.2. A Cooperación Galega concentra a súa axuda con criterios de eficacia.
- R.X.3. A Cooperación Galega especializa a súa axuda nos ámbitos estratéxicos nos que conta con valor engadido ou vantaxes comparativas.
- R.X.4. Os axentes da Cooperación Galega coordinan e complementan as súas actuacións para a consecución dos ODS.
- R.X.5. Os axentes da Cooperación Galega fortalecen a súa capacidade para a consecución dos ODS.
- R.X.6. A cidadanía galega e os axentes de cooperación acceden a unha información de calidade sobre os logros colectivos da Cooperación Galega na consecución dos ODS.
Como principais novidades, o novo plan director establece unha concentración das axudas nos 11 países prioritarios: Bolivia, Ecuador e Perú (en América do Sur); República Dominicana (no Caribe); Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua (en Centroamérica); e Mozambique, Cabo Verde e Guinea Bissau (en África). Darase tamén unha clara aposta polos países lusófonos e pola poboación saharauí e palestina. Como novidade incorpórase un tratamento especial dirixido aos países menos adiantados (PMA) ou con índice de desenvolvemento humano (IDH) baixo en África, así como a atención aos colectivos máis vulnerables.
O Plan sinala que para o período 2023-2026, o programa 331A de cooperación exterior e ao desenvolvemento estará dotado, como mínimo, cun volume anual de fondos equivalente ao aprobado para este programa na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 (8.915.485 €) e que garantirase, ademais, un crecemento anual deste programa igual ou superior ao incremento porcentual anual dos gastos non financeiros xerais previstos na devandita Lei.
Avaliación e seguimento:
Está prevista a realización dunha avaliación intermedia do V PD no ano 2024 e unha avaliación final do mesmo ao final do período de programación.
Data de aprobación polo Consello da Xunta: 15/06/2023
Ligazóns relacionadas
Documentos relacionados
- V Plan director da cooperación galega 2023- 2026