Plan de inspección ambiental de Galicia 2025-2030

O Plan configúrase como un documento marco de carácter plurianual 2025-2030 no que se sinalan as orientacións estratéxicas e a metodoloxía a empregar no desenvolvemento das competencias en materia de inspección ambiental en Galicia. O desenvolvemento deste Plan é unha obriga que afecta a todos os países membros da Unión Europea e aparece recollida en diversos textos legais. 

Anualmente, elaboraranse os Programas de Inspección ambiental en base ao Plan de Inspección Ambiental.

O obxectivo xeral do Plan de Inspección Ambiental é definir as liñas estratéxicas e o marco de actuación que debe servir de guía para a elaboración posterior dos sucesivos Programas anuais de Inspección. Serve, así mesmo, para establecer a metodoloxía e os indicadores a empregar para determinar dun modo sistemático e obxectivo as instalacións e actividades que serán obxecto de inspeccións e a frecuencia das mesmas en función dos potenciais riscos para lograr un nivel elevado de protección do medio ambiente de Galicia e asegurar un desenvolvemento sostible.
Ademais, de acordo coa planificación, incorpórase o obxectivo de promover unha política adecuada na xestión dos residuos industriais, diminuíndo a súa xeración e impulsar un correcto tratamento en consonancia coas políticas de loita contra o cambio climático e de avance cara unha economía máis circular.
Os obxectivos específicos do plan son os seguintes: garantir o cumprimento da normativa ambiental; reorientación da actividade cara ao enfoque preventivo; fomento do enfoque preventivo na propia acción de inspección ambiental; mellorar o sistema de xestión de prioridades para a determinación das inspeccións a realizar; potenciar o sistema de inspección ambiental e incrementar a capacidade da inspección; promover a calidade, competencia técnica e mellora continua.
A principal medida deste plan para garantir a eficacia na inspección  e acadar os obxectivos é establecer plans específicos en función das tipoloxías de suxeitos a inspeccionar. Así, este Plan estrutúrase nos seguintes plans específicos, segundo a tipoloxía das instalacións ou actividades a inspeccionar ou o alcance do Plan:

  • Plan de instalacións IPPC
  • Plan de traslados de residuos
  • Plan de xestores de residuos
  • Plan de vertedoiros
  • Plan de outras actividades
  • Plan transversal de xestión da calidade da inspección ambiental

Estes tipos de plans específicos desenvolveranse anualmente nos programas de inspección ambiental. O Plan recolle a avaliación de riscos ambientais para cada un dos plans específicos.

A avaliación realízase con carácter anual e plurianual.

Data de aprobación polo Consello da Xunta: 26/12/2024