Plan Conecta FP Galicia

Plan de colaboración público-privada, co obxectivo principal de deseñar e planificar unha oferta de formación profesional do sistema educativo que dea resposta á rápida evolución do sector produtivo e á necesidade de contar con persoas coa capacitación adecuada para facer fronte ao importante relevo xeracional que se está producindo.

Os obxectivos do Plan son:

  • Deseñar e planificar unha oferta de formación profesional do sistema educativo que dea resposta á rápida evolución do sector produtivo e á necesidade de contar con persoas coa capacitación adecuada para facer fronte ao importante relevo xeracional que se está producindo.
  • Incidir na mellora da competitividade das empresas, dando resposta ás necesidades de capacitación que deben ter os traballadores que precisan.
  • Detectar as necesidades formativas dos sectores produtivos que non están cubertas coa formación actual.
  • Amosar a potencialidade e as posibilidades do ecosistema da formación profesional de Galicia, a través da oferta formativa, da acreditación da experiencia laboral e da orientación profesional.
  • Acadar información para deseñar plans de formación adaptados ás necesidades futuras dos sectores produtivos, a través da constitución de grupos de traballo onde estean representados todos os axentes implicados.
  • Deseñar plans de formación específicos, a medida da necesidades das empresas ou das administracións, consolidando a FP dual como vía prioritaria de formación.
  • Conseguir que o número de empresas colaboradoras coa Formación Profesional do Sistema Educativo se incremente nun 15% cada curso académico, e nunha cifra moi superior no caso da FP dual, onde se prevé un incremento do 74%.
  • Contribuír a dar visibilidade á Formación Profesional de Galicia e incrementar en 10 puntos o número de cidadáns cun nivel de cualificación media:
    • Máis persoas que opten por esta formación, o que contribuirá a reducir a taxa de abandono escolar, reducir o déficit de traballadores, suplir a falta de substitución xeracional e aumentar a empregabilidade da poboación.
    • Máis empresas que opten por empregar a persoas con estudos de FP, o que contribuirá a mellorar a taxa de persoas contratadas con formación de grao básico, medio e superior.

Avaliación e seguimento

O Plan prevía a realización de 14 encontros territoriais e 5 encontros sectoriais, que foron realizados segundo o previsto.

Data de aprobación polo Consello da Xunta: 09/02/2023