Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030

O Plan Obesidade Zero 2022–2030 é unha estratexia impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, dirixida a reducir o sobrepeso e a obesidade mediante políticas de prevención e promoción da saúde, desde unha perspectiva de saúde pública e equidade. O seu enfoque é integral e transversal, co propósito de mellorar os hábitos de vida da poboación galega ao longo de todo o seu ciclo vital.

O Plan organízase en torno a tres eixes fundamentais e complementarios. O primeiro eixe trata de potenciar as contornas promotoras de saúde que favorezan hábitos de vida saudables e previr o sobrepeso e a obesidade. Os seus obxectivos principais son impulsar unha contorna política estable e baseada na evidencia, fortalecer a promoción da saúde no ámbito escolar, laboral, comunitario e sanitario, e reducir as desigualdades en saúde. Entre as accións prioritarias destacan a formalización de compromisos institucionais que dean continuidade ás medidas, a mellora da composición nutricional dos alimentos e da oferta en comedores escolares e colectivos, o fomento da actividade física no ensino e no traballo, o establecemento de redes locais promotoras de saúde, programas específicos para colectivos vulnerables e a prescrición de exercicio físico desde atención primaria, co obxectivo de que a opción máis beneficiosa para a saúde sexa a máis accesible para toda a cidadanía.

O segundo eixe céntrase en capacitar a cidadanía e os profesionais para tomar decisións máis saudables mediante a formación e o desenvolvemento de habilidades. O seu obxectivo principal é favorecer a adquisición de competencias persoais e profesionais que permitan previr o sobrepeso e a obesidade ao longo de todo o ciclo vital, incidindo especialmente na educación en saúde (a través da Escola Galega de Saúde Pública), na desestigmatización da obesidade e na integración do enfoque de saúde en todos os sectores. Entre as accións máis destacadas inclúense o fortalecemento da plataforma Xanela aberta á familia e campañas permanentes de comunicación para promover a actividade física e a alimentación saudable; o desenvolvemento de plans de formación continua para profesionais sanitarios e docentes; a incorporación transversal de contidos de promoción da saúde en todos os niveis educativos; e a capacitación de colectivos clave como persoal sociosanitario, restauración, industria alimentaria, profesionais da actividade física e persoal das Administracións locais, co fin de crear unha sociedade máis informada, crítica e preparada para elixir opcións saudables de maneira autónoma e sostida no tempo.    

O eixe 3 está orientado a investigar e innovar en promoción da saúde, servindo como soporte para mellorar as políticas de prevención do sobrepeso e a obesidade. Os seus principais obxectivos son crear unha rede galega de investigación en promoción da saúde, impulsar a innovación mediante TIC, e establecer un sistema integral de vixilancia do sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco. Entre as accións máis salientables inclúense o deseño dunha plataforma en rede que conecte grupos de investigación e favoreza o intercambio e difusión de coñecementos sobre hábitos e estilos de vida saudables; a colaboración con universidades (Cátedra Vida Saudable); o desenvolvemento de ferramentas innovadoras, como a plataforma Sanidade Mediaverso; a avaliación continua das intervencións; e a creación dun módulo específico no Observatorio de Saúde Pública que integra datos clínicos e epidemiolóxicos para mellorar a planificación e eficacia das accións en saúde pública.

Data de aprobación polo Consello da Xunta: 02/09/2022