Toponimia oficial e Nomenclátor de Galicia

A toponimia das provincias, parroquias, concellos e lugares de Galicia, de acordo cos ditames da Comisión de Toponimia e coas normas ditadas pola Xunta de Galicia, pode consultarse a través do servizo de consulta do Nomenclátor de Galicia.

No Nomenclátor figuran os nomes oficiais das entidades de poboación. Para a recollida, normativización e dixitalización de toda a microtoponimia de Galicia (nomes de terras, montes, fontes, penedos, praias, regueiros...) está en marcha o proxecto colaborativo Galicia Nomeada, que conta cun visor onde se poden consultar actualmente máis de medio millón de nomes do territorio galego, ademais dos nomes oficiais dos asentamentos de poboación que figuran no Nomenclátor de Galicia.

O novo Nomenclátor 2026 conta cun total de 42.212 topónimos, pero esta listaxe de nomes oficiais non é a definitiva, senón que está en constante revisión e actualización por parte do grupo de expertos en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG. O obxectivo é poder ofrecer cada certo tempo unha nova edición actualizada desta complexa e laboriosa obra en función das novas investigacións filolóxicas e dos cambios xeográfico-administrativos que se vaian producindo na ordenación do territorio galego.

Principios normativos

A toponimia oficial elaborouse con base nos principios normativos seguintes:

  • Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG do 14 de xullo de 1983). No seu artigo 10 establece:
    • Os topónimos terán como única forma oficial a galega
    • Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente
    • Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado
  • Decreto 174/1998, do 5 de xuño, polo que se modifica o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia (DOG do 22 de xuño de 1998)
  • Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia (DOG do 21 de setembro de1984)
  • Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 16 de maio de 2016)
  • Orde do 3 de maio de 2021 pola que se nomean membros da Comisión de Toponimia (DOG do 4 de maio 2021)
  • Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG do 4 de xullo de 2022)

Decretos da toponimia oficial

O novo Nomenclátor de Galicia 2026 acaba de facerse oficial a través do seguinte decreto:

Decreto 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia

Este novo decreto deixa sen validez os anteriores decretos polos que se aproba a toponimia maior oficial das catro provincias, que eran:

  • A Coruña - Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG do 25 de marzo de 2003)
  • Lugo - Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo (DOG do 25 de xaneiro de 2000)
  • Ourense - Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29 de agosto de 1996)
  • Pontevedra - Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra (DOG do 28 de xullo de 1998)