A Xunta destaca a importancia da medida Leader para dinamizar o rural galego con proxectos que xeran riqueza e emprego

O director xeral de Agader visitou hoxe unha destas iniciativas, no concello coruñés de Noia, que recibiu unha axuda de 200.000 euros para a posta en marcha dun obradoiro de panificación  

Noia (A Coruña), 2 de xaneiro de 2020

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, visitou esta mañá o obradoiro de panificación Dubraseda, situado nesta localidade coruñesa e que foi beneficiario dunha axuda da medida Leader por importe de 200.000 euros na convocatoria de 2018.

Estes fondos, que foron xestionados polo Grupo de Desenvolvemento Rural Deloa (GDR 18) destináronse á posta en marcha dun taller para a elaboración de masas conxeladas doces e salgadas, formado pola instalación dunha liña de formado de empanadas e a compra dunha nave existente. O investimento total por parte do promotor deste proxecto produtivo superou os 600.000 euros.

Nesta visita o director xeral de Agader destacou a importancia das achegas da medida Leader para dinamizar o agro galego, tanto a través de proxectos produtivos -caso deste de Noia- como non produtivos, de relevancia social ou cultural, en ambos casos xerando riqueza e emprego no rural. Pérez Dubois salientou así mesmo a dinámica de traballo da medida, cun enfoque de abaixo-arriba que garante a participación activa dos axentes do territorio.

Neste caso concreto, o director xeral puxo en valor tamén a innovación presente neste proxecto, así como a súa preocupación polas tendencias de consumo da poboación para desenvolver unha iniciativa que se apoia na investigación para procurar dar un valor engadido ao seu produto e mellorar, así, a súa competitividade.

Por último, Pérez Dubois lembrou que hai só uns días o Diario Oficial de Galicia publicaba a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das subvencións para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e dotadas cun orzamento que supera os 6,6 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas