A Xunta publica no DOG a aprobación da transferencia a prol do Concello de Ribadumia dun treito da estrada provincial que atravesa o núcleo de Barrantes e coincide coa rúa Condesa

Trátase dun treito urbano de 112 metros, con presenza de edificacións, zonas de aparcamento e numerosos comercios a ambas marxes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ribadumia dun treito da estrada provincial EP-9506 Barrantes-Vilariño, que coincide coa rúa Condesa.

O concello pontevedrés solicitou á Deputación provincial o cambio de titularidade dun treito de 112 metros lineais desta vía no núcleo de Barrantes, na actualidade de carácter netamente urbano, con presenza de edificacións, zonas de aparcamento e numerosos comercios a ambas marxes.

Na solicitude de transferencia trasladada ao organismo provincial, o Concello de Ribadumia expón que quere executar actuacións de mellora de instalacións e do viario municipal, coa finalidade de corrixir problemas xurdidos especialmente co saneamento, e de forma simultánea mellorar a circulación no casco urbano.

A Administración provincial de Pontevedra acordou aprobar o cambio de titularidade proposto, polo que emite informe favorable para a transferencia deste treito e solicita o cambio de titularidade desta estrada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
A transferencia a prol do Concello tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello de Ribadumia terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.