Máis de 600 profesionais empregan a Historia Social Única Electrónica

A HSUE proporciona aos profesionais da área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único á historia social dixital a preto de 670.000 cidadáns

A Administración autonómica segue a ampliar tanto os colectivos con acceso ao sistema como as funcionalidades dispoñibles, incorporando novos ámbitos de información, novos servizos e a integración con outros sistemas

No 2020 a Xunta incorporará á plataforma servizos en mobilidade a través da plataforma 'Asiste'

Facilitará o seguimento das actuacións sociais da administración e proporcionará servizos para os cidadáns e os seus familiares e coidadores

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2020

Máis de 600 profesionais dos servizos sociais locais e da Administración autonómica empregan a Historia Social Única Electrónica (HSUE), no seu labor cotiá. A plataforma, que puxo en marcha a Xunta en 2016, e integra nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.

O colectivo de usuarios que teñen en HSUE unha ferramenta clave na súa labor profesional cotiá segue a medrar. A día de hoxe xa son 307 os concellos que asinaron o convenio de adhesión a Historia Social Única Electrónica, o que posibilita que máis de 500 profesionais dos servizos sociais comunitarios, tanto básicos como especializados, accedan a plataforma.

A estes hai que sumar os máis de 104 profesionais da Xunta de Galicia que empregan HSUE como una ferramenta de apoio na xestión de prestacións no eido social tanto de dependencia, como discapacidade, inclusión social, atención e protección de menores, pensións non contributivas, RISGA/AIS etc.

Novas funcionalidades

Desde o seu arranque, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social traballan de forma continuada na súa evolución en mellora coa incorporación de novas funcionalidades, novos ámbitos de información, servizos e a integración con outros sistemas.

Entre as melloras incorporadas para facilitar o traballo dos profesionais e reducir o tempo de tramitación, cómpre destacar a funcionalidade que permite aos traballadores sociais de referencia presentar solicitudes de prestacións sociais, como a Risga, directamente dende HSUE, aproveitando a información do usuario existente na mesma e de xeito integrado coa sede electrónica da Xunta de Galicia.

A integración da plataforma con outros sistemas como os de emprego permite o traballo colaborativo e coordinado entre ambos departamentos, o que facilita as actividades de orientación e formación para os beneficiarios da Risga de cara a optar un emprego.

Ademais, púxose en marcha un módulo de Atención Temperá, unha ferramenta de HSUE que facilita aos profesionais da área de menores a xestión integral dos expedientes deste ámbito. Na actualidade 18 Servizos de Atención temperá de diversas mancomunidades, agrupacións ou concellos individuais empregan esta facilidade.

Asiste

Para o 2020 o obxectivo é estender a Historia Social Única Electrónica aos dispositivos móbiles como axuda na atención ás persoas maiores, familias e coidadores para o que se porá en marcha a plataforma Asiste. Integrada na HSUE, Asiste facilitará aos profesionais sociais, coidadores e familiares, o seguimento das actuacións sociais, así como outros servizos de valor promovidos desde a Administración.

Asiste contará cun asistente virtual, que a través de pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz facilitará a comunicación de xeito intuitivo. Esta plataforma, que estará dispoñible para todos os cidadáns que teñan aberta unha historia social na Comunidade e se rexistren nela, facilitará a monitorizacion dos parámetros da súa actividade, biomedidas e xeolocalizacion. Os familiares e os coidadores autorizados terán acceso seguro a esta información e recibiran avisos e alertas en tempo real ante calquera anomalía nos patróns de actividade da persoa.

Preto de 670.000 historias sociais

A día de hoxe a plataforma HSUE ten dispoñibles as historias sociais preto de 670.000 cidadáns en formato electrónico. A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que acceden só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

A extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) supuxo un fito no eido dos servizos sociais, similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario, ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas. Isto permite, en base a análise e explotación dos datos, e poder desenvolver políticas de prevención e posibilitar ó cidadán o acceso a súa historia.

Imaxes relacionadas