A Xunta destinará 12 M€ na próxima convocatoria de axudas para a mellora de camiños municipais que favorezan o acceso a parcelas agrarias

O obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e outras infraestruturas, sobre todo daquelas que dan acceso ás parcelas agrarias

A repartición establecida para cada un dos concellos galegos fíxose con base nunha serie de criterios previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)
 

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural concederá axudas aos concellos de Galicia a través do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, co fin de seguir traballando na mellora das infraestruturas rurais. Para iso, a Consellería achegará 12 millóns de euros que se xestionarán a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), distribuídos en dúas anualidades de case 6 millóns de euros cada unha.

O obxectivo que se quere alcanzar con este plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e outras infraestruturas, sobre todo daquelas que dan acceso á parcelas agrarias. Estes camiños permiten o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas cales se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións rurais (desde o leite ata a artesanía) que precisan os negocios desta contorna. Por iso, a Xunta quere facilitar con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

A finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que den acceso a parcelas agrarias, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Para chegar a cada un dos concellos da nosa comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, o peso do agro no municipio e o grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevense un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O orzamento previsto para esta nova convocatoria repartirase por provincias da seguinte forma: 3,7 millóns de euros para A Coruña; 3 millóns de euros para Lugo; 2,7 millóns de euros para Ourense e 2,4 millóns de euros para os concellos da provincia de Pontevedra.

 

Imaxes relacionadas