O presidente da Xunta participou hoxe na presentación do acordo entre o sector do taxi e os VTC tradicionais para a precontratación de 15 minutos

Feijóo anuncia a publicación no DOG neste mes de xaneiro da primeira convocatoria de axudas para a compra de taxis eléctricos e híbridos

Resalta o compromiso da Xunta para seguir impulsando a transformación do transporte público, actuando nas infraestruturas e nos servizos, como a oferta da gratuidade do transporte público ata os menores de 21 anos

Afirma que o acordo entre taxistas e titulares de VTC fai que a Comunidade se converta nunha referencia de entendemento entre os distintos actores do transporte público de pasaxeiros en vehículos de turismo

Lembra que a pesar de ter competencias legais limitadas nesta materia de ámbito estatal, a Xunta vén traballando desde hai dez anos para conseguir que estas actividades se desenvolvan na Comunidade de forma segura, ordenada e planificada

Vigo, 10 de xaneiro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que antes de que remate este mes de xaneiro, o Diario Oficial de Galicia publicará a primeira convocatoria de axudas para a adquisición de taxis eléctricos e híbridos, “para facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible”, engadiu.

Durante a presentación do acordo entre o sector do taxi e os VTC tradicionais, Feijóo destacou deste xeito o compromiso da Xunta para seguir impulsando a importante transformación do transporte público que está a levar a cabo, actuando nas infraestruturas e tamén nos servizos: construíndo de forma simultánea as estacións intermodais; renovando o conxunto das liñas de autobús metropolitano para multiplicar a súa cobertura territorial; ou ofertando a gratuidade do transporte público ata os menores de 21 anos e levándoa a todos os recunchos de Galicia.

Así mesmo, subliñou o compromiso de traballar para ofrecer aos galegos a posibilidade de desprazarse en vehículos de turismo nas mellores condicións de calidade, referíndose ao acordo entre taxistas e titulares de VTC, que fai que a Comunidade galega se converta nunha referencia de entendemento entre os distintos actores do transporte público de pasaxeiros en vehículos de turismo.

“Estamos a falar dunha nova que é positiva para eles e para os galegos”, dixo, lembrando que a pesar de ter competencias legais limitadas nesta materia de ámbito estatal, a Xunta vén demostrando de forma continua o seu interese por buscar fórmulas de entendemento para facilitar o desenvolvemento ordenado de ambas as dúas actividades laborais.

Para o presidente do Executivo galego a disposición ao diálogo dos colectivos profesionais, sumada ao desexo da Administración autonómica de contribuír cos seus medios e as súas limitacións normativas a buscar o entendemento permite hoxe despexar o risco de replicar en Galicia o escenario de belixerancia que produce noutros lugares a ausencia dun regulamento estatal único e claro sobre o sector, capaz de garantir unha competencia xusta e leal. Non en van, grazas a este entendemento, resaltou, foi posible modificar o marco normativo autonómico coa conformidade duns e doutros.

“Así, desde o pasado 1 de xaneiro está en vigor a cláusula que establece en 15 minutos o tempo mínimo de precontratación para o arrendamento de vehículos de turismo con condutor; 15 minutos que achegan futuro para as preto de 5.000 familias galegas cuxo sustento depende do transporte en vehículos de turismo”, abundou, afirmando que ademais se asegura que a oferta de transporte á disposición dos cidadáns medre, amparada por unhas regras claras e respectando os dereitos adquiridos.

Feijóo aproveitou o acto para recoñecer o labor dun colectivo profesional que ofrece os servizos de transporte público máis próximos aos usuarios, ademais de constatar que o Goberno galego vén traballando desde hai dez anos para conseguir que estas actividades profesionais do servizo público se desenvolvan na Comunidade de forma segura, ordenada e planificada.

Así, esta canle de interlocución continua fixo posible aprobar neste tempo a primeira Lei do taxi de Galicia, acordada co sector, e o seu correspondente regulamento, que inclúe o distintivo de uso obrigatorio para os servizos de VTC; así como introducir, por primeira vez, a posibilidade de flexibilización de tarifas en atención a unha demanda do sector do taxi.

Nesta mesma liña, salientou que só nesta lexislatura, as axudas da Administración autonómica facilitaron a compra de preto de 150 vehículos adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

O presidente da Xunta concluíu incidindo en que o Goberno galego seguirá traballando por facilitar a convivencia nun dobre sentido: no ámbito normativo, “ata o límite das nosas competencias”; e no terreo práctico, acompañando e impulsando aos responsables para acadar xuntos servizos que respondan do mellor xeito posible ao que demandan e precisan os cidadáns.

Imaxes relacionadas