Os emprendedores lucenses poden inscribirse ata o 31 de xaneiro nos coworkings da Mariña, a Ribeira Sacra e Palas de Rei

Durante as últimas catro convocatorias realizadas na provincia de Lugo destas iniciativas, nas que colaboran a Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI), foron apoiadas 85 novas empresas

Mañá preséntase a quinta edición do coworking de Mondoñedo, que leva promovido a creación de 53 empresas

O novo espazo de Palas súmase aos abertos este ano no Ribeiro e Moaña e aos xa activos en Mondoñedo, Monforte de Lemos, Celanova, Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago e Vilanova de Arousa

Mondoñedo (Lugo), 13 de xaneiro de 2020

Os espazos coworking da Mariña Lucense, a Ribeira Sacra e Palas de Rei, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), manteñen aberto ata o 31 deste mes o prazo de inscrición nas convocatorias destinadas aos emprendedores que desexen dispor de asesoramento e apoio formativo para desenvolver unha iniciativa empresarial.

Mañá mércores terá lugar a presentación da quinta edición do coworking da Mariña lucense, que na súa sede de Mondoñedo, leva apoiado as iniciativas empresariais promovidas por 90 emprendedores que levan constituído 53 empresas.

Pola súa banda, o espazo de Palas abre a súa primeira convocatoria e promoverá actividades relacionadas co Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea, mentres que os de Mondoñedo e Monforte de Lemos aceleran proxectos de calquera ámbito económico e acadan coa presente a súa quinta edición. Así, as catro convocatorias anteriores destas aceleradoras levan apoiado as iniciativas de 187 emprendedores e a creación e consolidación de 85 novas empresas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza en 2020 a súa aposta polo emprendemento coa posta en marcha de tres novos coworking en distintas localidades. Así, xunto cos xa activos ata 2019, durante este ano estarán en funcionamento un total de 10 espazos, que facilitarán o desenvolvemento das iniciativas empresariais de 220 emprendedores. Todos eles comezarán proximamente a desenvolver os programas ás convocatorias actuais.

Ademais da aceleradora de Palas, as outras dúas novas impulsarán proxectos relacionados con actividades específicas. Por unha banda, a situada no Ribeiro (Pontevedra), no concello de Cenlle, centrarase en actividades relacionadas coa agroalimentación, o turismo rural e a economía circular. Por outra, a do Morrazo (no concello de Moaña) impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

Estes novos espazos súmanse aos xa en funcionamento en edicións anteriores e abertos na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo), A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños), Santiago de Compostela, Ferrolterra e O Salnés (Vilanova de Arousa). Esta rede de aceleración leva impulsados 625 proxectos de 701 emprendedores, e un total de 227 iniciativas xa se constituíron como empresas.

Os espazos coworking forman parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en todo o territorio. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Imaxes relacionadas