A Xunta promociona a artesanía de Galicia na feira de referencia do deseño escandinavo que se celebra en Estocolmo ata o venres

A Fundación Artesanía de Galicia regresa ao encontro de decoración Formex cunha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 51 profesionais do sector, dos cales 18 son novidades no evento

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta con esta iniciativa, na que participa desde 2013, polo impulso á promoción exterior e a busca de novos mercados neste eido

Estocolmo (Suecia), 14 de xaneiro de 2020

A Xunta está a impulsar a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico, na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo desde hoxe e ata o vindeiro venres 17 de xaneiro. Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego.

Como cada ano desde o 2013, a Fundación Artesanía de Galicia presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de Artesanía de Galicia, unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional se combina con produtos máis contemporáneos. Nesta edición, cóntase coa participación de 51 profesionais do sector artesán galego, dos cales un total de 18 son novas incorporacións a esta feira.

A porcelana, o papel, o vidro, as pezas de coiro ou os xoguetes de madeira combinan coa olería, coa cestería tradicional, co téxtil, coa ilustración, co vidro, coas figuras tradicionais feitas con miga de pan ou coas pezas de madeira orientadas á gastronomía, formando todo isto parte da escolma que representa o produto artesán galego este ano en Formex. Este encontro está considerado unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 7 anos.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse os tecidos artesáns de A.Outeiriño (Ourense); o vidro de Arteviares (A Coruña); a cerámica de Branqueta (A Coruña), Copia Cerámica (Santiago), Obradoiro de cerámica castrexa Castrolandín (Cuntis), Misoco (Vigo), Obradoiro Gorín (Malpica), Olería do Batán (Baños de Molgas), Raposiñas Cerámica Feita de Vagar (A Pobra do Caramiñal); os obxectos de madeira de El Arce Imaginario (A Coruña), Ilex Talla (Santiago) e Xar Arte en Madera (Vigo)
As ilustracións de Iria Prol Studio (Santiago); a impresión téxtil de Las Flores de Greta (Gondomar); os mandalas téxtiles de Roundie&Colors (Abegondo); as pezas de coiro de Tres Caracoles (Lugo); as bonecas de trapo de Woodding (Boiro) e os mobles de Ventura (Nigrán).

 


Outros obradoiros que xa estiveron presentes en edicións anteriores da feira Formex tamén presentarán novas liñas de produto como é o caso da cerámica de Ojea Studio (Vigo) –gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2019 na categoría Premio Produto-, Mar Barral (Catoira), Arobe Cerámica (A Coruña), Cerámica Suve (Cangas), Lanalutum (Lugo), Mi madre no me deja (Lugo), Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén), Víctor Ares (A Coruña), Cerámica Unzueta (Brión), Manuel Figueiras (Muros), Laura Delgado Cerámica (Cambre), Pepe Otero Oleiro (A Coruña) e Witchneeds (Vigo) -gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2018 pola súa obra “O bosque interior”-. En canto á olería, están representados os centros de olería tradicional galega de Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober); e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Rulo –ademais do Obradoiro Gorín (Malpica) que se incorpora este ano por primeira vez-.

Repiten tamén en Formex os obradoiros de téxtil Artefíos (A Coruña) e Logaro (Ourense), o tecido manual elaborado por Inés Rir&Co Deseño Textil Artesán (Allariz); os xoieiros de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) -gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016-; o obradoiro especializado en coiro Jatafarta (Santiago de Compostela); ou os coitelos dos obradoiros de ferrería de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) e de MAF Artesanía (Riotorto), así como os complementos decorativos de Oitenta (A Coruña).

No stand de Artesanía de Galicia comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) e a cestería de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); as figuras tradicionais de San Andrés de Teixido elaboradas por Jorge Bellón (Cedeira); e os complementos elaborados en corda de algodón elaborados por Degerónimo (Santiago de Compostela). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga), Atalanta (A Estrada), Lorenzo Design (Santiago de Compostela) e Artesanía Ferradáns (A Estrada), ademais dos xoguetes de madeira de Artesanía Silvent (Caldas de Reis).

A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía. Como resultado destas accións, os produtos da marca Artesanía de Galicia están presentes en 44 puntos de venta internacionais, en países como Suecia, Inglaterra, Australia, Alemaña, Noruega ou Xapón.

Imaxes relacionadas