Feijóo avanza que o tempo medio de espera cirúrxica do Sergas no ano 2019 foi de 54,5 días, a mellor cifra desde que hai rexistros

Incide en que son máis de 7 días menos que en decembro de 2018

Explica que Galicia se sitúa como unha das comunidades con mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2020

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, os primeiros datos de lista de espera relativos ao pasado ano que se publicarán mañá e que reflicten que o tempo medio de espera cirúrxica do Sergas no 2019 foi de 54,5 días.

Son, dixo, máis de 7 días menos que en decembro do ano anterior, sendo esta a mellor cifra desde que hai rexistros. Esta é unha tendencia de redución que xa se vén manifestando nos últimos anos e que sitúa a Galicia entre as catro comunidades con menos demora.

En concreto, Feijóo destacou que os indicadores melloran, baixa considerablemente o tempo medio de espera nas primeiras consultas por enfermidade no hospital, nas probas diagnósticas e na área cirúrxica.

En definitiva, subliñou, este primeiro avance sitúa a Galicia como unha das comunidades con mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde. Momento no que tamén aproveitou para expresar o seu agradecemento e recoñecemento a todos os profesionais da Sanidade Pública.
 

Imaxes relacionadas