A Xunta destinou 200.000 euros á creación dun hotel de tres estrelas que reforzará a oferta turística de Barreiros

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións do establecemento ‘Rías Altas’, que prevé abrir as súas portas a finais de febreiro

A iniciativa foi financiada a través do GDR Terras de Miranda, que leva apoiados catro proxectos nos últimos tres anos neste concello mariñán con achegas que suman 550.000 euros

Ata o 31 de xaneiro permanece aberto o prazo de solicitude das axudas do programa Leader que xestionan os distintos Grupos de Desenvolvemento Rural

Lugo, 21 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural apoiou cunha achega de 200.000 euros a posta en marcha en Barreiros do establecemento Rías Altas, que prevé abrir as súas portas a finais de febreiro e será o primeiro hotel de tres estrelas do municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións da man da promotora, Tamara Rubiños. O proxecto obtivo unha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a través da medida Leader, que foi xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda. A contía da achega acadou o 50% do investimento (algo máis de 400.000 euros).

O establecemento ofertará 14 habitacións dobres e unha individual e tamén ten restaurante, que xa existía anteriormente xestionado polos pais da promotora e que apostará pola cociña tradicional con produtos locais.

O proxecto incide no respecto polo medio ambiente en aspectos como o uso de envases de xel reutilizables, o emprego de enerxías renovables -como aerotermia para a climatización- ou a aplicación dun plan de xestión de residuos; e tamén aposta polo emprego de elementos naturais no mobiliario e decoración, como madeira e textís de liño e algodón.

550.000 euros nos últimos tres anos

Balseiso destacou que contribuirá a potenciar a oferta turística do concello e lembrou que os GDR impulsan iniciativas produtivas “que favorecen a ampliación e diversificación do tecido económico da zona”, e tamén outras non produtivas, que redundan na mellora dos servizos do medio rural e na calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

No caso de Barreiros, o GDR Terras de Miranda apoiou con case 550.000 euros nos tres últimos anos catro iniciativas, tres delas de emprendemento e unha promovida polo Concello para rehabilitar un local social na Rilleira.

Ademais do novo establecemento de aloxamento visitado no día de hoxe, a Xunta apoia unha iniciativa de taller de carpintería metálica en aceiro inoxidable e o proxecto Araucaudia House

Aberto o prazo de convocatoria

O delegado territorial lembrou finalmente que neste intre está aberto o prazo de solicitude de axudas da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Trátase das achegas ás que pode optar calquera persoa ou entidade a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio galego para desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, ben sexan de carácter produtivo ou non.

“Aínda que o prazo de presentación de solicitudes é permanente durante todo o período de execución do Leader, concorrerán a esta convocatoria aquelas presentadas ata o 31 de xaneiro de 2020. As solicitudes de axuda dirixiranse, tendo en conta a localización do investimento, ao GDR que corresponda e presentaranse no formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria”.

Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.

Imaxes relacionadas