A Xunta destaca o labor da asociación Alume a prol das mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a sede da asociación en Lugo, á que o Goberno galego outorgou o ano pasado máis de 25.000 euros para contribuír e apoiar iniciativas da asociación

Susana López Abella destacou a necesidade de acompañar ás mulleres con enfermidade mental que sofren violencia de xénero así como fomentar o seu empoderamento e participación social
 

Lugo, 28 de xaneiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe na súa visita á asociación Alume Saúde Mental o traballo desta organización a prol das mulleres con enfermidade mental que sofren violencia de xénero para conseguir a súa rehabilitación e integración social.

Susana López Abella destacou a necesidade de acompañar ás mulleres con enfermidade mental que sofren violencia de xénero e fomentar o seu empoderamento e participación social, así como visibilizar a súa situación para evitar que estes casos permanezan ocultos.

A Xunta concedeu o ano pasado á organización uns 25.150 euros ao abeiro das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. Estas subvencións beneficiaron en 2019, á Asociación Alume e a outras 23 entidades sen ánimo de lucro entre as que se repartiu un orzamento total de 507.300 euros.

O investimento do Goberno galego nos últimos anos para apoiar a Asociación Alume supera os 300.000 euros, no marco tamén da orde de axudas a entidades de iniciativa social que poñan en marcha programas específicos de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A Xunta investirá neste 2020 1,3 millóns de euros nunha nova convocatoria desta orde de subvencións, o que supón un 43% respecto ao orzamento inicial de 2019.

O Goberno galego apoia desta forma o traballo que está a desenvolver a asociación Alume Saúde Mental para reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres, neste caso con enfermidade mental, co obxectivo de dotalas de maior autonomía e independencia e mellorar a súa situación persoal, social e laboral. Este colectivo, fundado en 1985, ofrece ás mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero unha actuación integral mediante o acollemento e a satisfacción das súas necesidades básicas cun plan de intervención integral e individualizado.

Imaxes relacionadas