Nava Castro convida ás plataformas online a cooperar na regulación das vivendas de uso turístico

A directora de Turismo de Galicia respondeu hoxe no Parlamento unha pregunta sobre a implantación desta modalidade de aloxamento en Galicia

Explicou a posta en marcha das novas medidas impulsadas pola Xunta este ano para seguir mellorando este mercado e dar garantías a usuarios e propietarios

Este tipo de vivendas deben comercializarse sempre acompañadas do seu número de rexistro, o que facilita ao usuario identificar que cumpre coa legalidade

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, convidou hoxe ás plataformas online e inmobiliarias a facilitar os mecanismos necesarios que fagan visible o número de inscrición das vivendas de uso turístico que comercialicen, unha das novas medidas regulatorias impulsadas pola Xunta este ano co fin de que os usuarios poidan identificar claramente a oferta que cumpre coa normativa.

Así o manifestou no Parlamento en resposta a unha pregunta sobre o balance da actividade desenvolvida polo Goberno galego ao redor das vivendas de uso turístico. Como explicou, esta modalidade de aloxamento incorporouse con normalidade en Galicia ao resto de oferta e, coa intención de seguir afondando na calidade e seguridade xurídica dos propietarios e clientes, a Xunta vén de pór en marcha diferentes cambios normativos para os que é preciso tamén, a colaboración das diferentes entidades implicadas.

Neste sentido, recordou que desde o 1 de xaneiro é obrigatorio que todas as vivendas de uso turístico inclúan o número de rexistro, que o avala a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), nas plataformas informáticas, webs e entidades como inmobiliarias nas que se publiciten. Como recordou Nava Castro, é fundamental a colaboración destas entidades para “dotar a este mercado dunha maior transparencia”.

A representante da Xunta subliñou a importancia do aval da xustiza á normativa galega que recoñece que as vivendas de uso turístico só poden ser alugadas na totalidade da vivenda e non por cuartos. Tamén recordou que as novas medidas impulsadas pola Xunta amosan o compromiso para seguir ordenando esta modalidade de aloxamento, se ben lembrou que a Xunta non é a única administración con competencias nesta materia, polo que instou ao resto de entes públicos e axentes implicados a colaborar na regulación.

No caso do Goberno central, reiterou a petición de avanzar nun marco normativo que permita homoxeneizar os regulamentos postos en marcha polas distintas comunidades e dando as máximas garantías tanto aos usuarios como aos promotores deste tipo de vivendas e ás plataformas. Tamén recordou as reclamacións para que o Instituto Nacional de Estatística inclúa na súa contabilidade a esta modalidade de aloxamento.

Imaxes relacionadas