A Xunta informa aos empresarios da comarca do Deza dos apoios que ofrece para contribuír ao impulso da súa competitividade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun networking con empresarios, autónomos e emprendedores, onde se fixo balance dos distintos programas da Administración autonómica

A Consellería ten activas 30 liñas de axuda cun investimento de preto de 140 millóns de euros, deseñadas para incentivar a fortaleza e o desenvolvemento do tecido produtivo galego

Conde puxo en valor a figura dos Concellos Emprendedores, que xa ascenden a 131 en toda Galicia, incluíndo cinco da comarca do Deza: Lalín, Silleda, Agolada, Dozón e Vila de Cruces

Lalín (Pontevedra), 3 de febreiro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde en Lalín un encontro con empresarios, autónomos e emprendedores no que se deron a coñecer as distintas axudas impulsadas pola Xunta de Galicia para mellorar a competitividade do tecido empresarial da comarca do Deza.

Durante o networking, Conde agradeceu á Asociación de Empresarios do Deza (Aedeza) o seu compromiso co tecido local durante os case 30 anos de traxectoria, aglutinando actualmente 342 empresas. Destacou o seu esforzo por cohesionar a actividade de toda a comarca para promocionar políticas comúns. Así mesmo, o conselleiro chamou a deseñar plans que estimulen a competitividade e o desenvolvemento dos emprendedores, aos que sinalou como “a espiña dorsal de calquera economía”.

Deste xeito, o titular de Economía, Emprego e Industria informou das actuacións levadas a cabo pola Xunta, con 30 liñas de axuda que a Consellería ten en marcha para apoiar os proxectos de empresarios, autónomos, comerciantes e desempregados, e que contan cun orzamento de preto de 140 millóns de euros. Estas axudas van dirixidas a fortalecer o tecido empresarial e o seu crecemento, potenciando o seu tamaño para asegurar unha maior presenza internacional.

Conde referiuse ás axudas que contribúen a deseñar “unha Galicia máis innovadora, máis preparada e máis competitiva”, incluíndo o apoio á dixitalización e á incorporación do modelo 4.0 ao tecido industrial, especialmente nas pemes, valorado en 67M€; a activación de axudas por preto de 24,5M€ para o emprendemento, a consolidación, a creación de emprego e a conciliación do colectivo autónomo, das que se beneficiarán preto de 7000 autónomos e 545 empresas e que se publicaron hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia (DOG); o financiamento achegado a 1900 emprendedores e pemes con proxectos que mobilizarán 300M€ para que gañen tamaño e creen máis empresas; ou o aumento do 42% nas axudas destinadas á mellora das infraestruturas a creación de viveiros industriais e o novo apoio ás redes eléctricas dos parques empresariais.

Así mesmo, o conselleiro puxo en valor as vantaxes de pertencer á lista de Concellos Emprendedores, que inclúe o compromiso de cada localidade para ofrecer máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais aos diversos proxectos. A cambio, estes concellos teñen prioridade á hora de poder acceder a convocatorias de axudas. Galicia conta con 131 Concellos Emprendedores, incluíndo cinco dos seis concellos que conforman a comarca do Deza: Lalín, Silleda, Agolada, Dozón e Vila de Cruces.

Imaxes relacionadas